Recibimos con estupor e profunda indignación a nova publicada hoxe nos medios de comunicación relativa ao peche das empresas do Grupo Sargadelos. As persoas que apartaron a Isaac Díaz Pardo da dirección das empresas para perverter o espírito fundacional desta industria cultural, anulando o seu proxecto identitario, agora deciden poñerlle punto e final, co drama social, económico e cultural que esta decisión implica.
As institucións públicas e a sociedade galega no seu conxunto non poden permanecer impasibles. Non podemos celebrar o Día das Artes Galegas dedicado a Díaz Pardo vendo como se finiquita o seu legado máis importante. Por iso, esiximos das institucións públicas que fagan cumprir estritamente a legalidade no camiño tortuoso que queda por diante, esixindo as responsabilidades que correspondan ás persoas que tomaron esta decisión.
Do mesmo xeito, esiximos das Administracións que procuren unha fórmula para que as diferentes empresas que conforman o Grupo Sargadelos manteñan a súa actividade produtiva, salvando os postos de traballo , conservando o patrimonio cultural que atesouran, en serio risco de desaparecer, e recuperando, ademais, ese espírito fundacional do que foron impregnadas, como o que son: un motor económico e un axente central na democratización da cultura e na reivindicación da nosa identidade diferencial como povo.
É tempo xa de que cese a complicidade da Xunta con quen dilapidou ata este extremo a industria cultural máis importante da Galiza contemporánea.
En contestación a unha situación que consideramos intolerable, desde a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo convocamos á cidadanía a unha concentración fronte á fábrica de Cerámicas do Castro o vindeiro domingo día 13 ás 12 da mañá
Totalmente davordo