O secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, denunciou hoxe en Santiago que o pasado ano o Goberno de Rueda deixou sen gastar 7 de cada 10 destinados a políticas de acceso á vivenda. “Vimos de coñecelo esta mesma semana a través dos propios datos oficiais da Xunta de Galicia”, explicou Bouza, criticou que, dese xeito, o PP “meteu nun caixón 42 millóns de euros”. É dicir, executou só un 30 % do que figuraba nos Orzamentos. “Iso demostra que a política do Partido Popular en materia de vivenda é simplemente fume”, afirmou.
Aitor Bouza fixo esas declaracións durante a manifestación pola vivenda que tivo lugar en Santiago de Compostela, nunha convocatoria que se reproduciu en diferentes cidades de todo o país. Alí recordou que se trata dun dereito fundamental que desde o Partido Socialista “defendemos con uñas e dentes, pero, sobre todo, con políticas claras”, e demandou que a Xunta de Galicia rectifique e se comprometa do mesmo xeito.
“O Goberno galego ten que investir todos os fondos destinados ao acceso á vivenda, un programa clave”, dixo o secretario de Acción Territorial, que lle reprochou ao Executivo autonómico que poña en práctica “unha política de fotos e non para garantir realmente dereitos básicos coma este”.
Bouza mostrou a súa satisfacción por que A Coruña veña de solicitar a declaración de zona residencial tensionada, unha figura “que levamos defendendo durante o último ano e medio”, dixo, e que á que lle outorgou “vital importancia”. “Un concello socialista, liderado pola alcaldesa Inés Rey, foi o primeiro en toda Galicia en formalizar esa petición”, valorou, para a continuación reclamarlle ao Goberno galego “que non poña trabas nin burocráticas, nin administrativas, nin políticas” e esixirlle, ademais, “axilidade” no procedemento. Nese senso, censurou que o proceso xa se dilatou abondo “por culpa dos trámites que impuxo a Xunta a través da súa propia normativa”.