Dura derrota do Ineltrón Santo Domingo Betanzos en Carballo

Os betanceiros, que reaccionaron na 2a parte, acaban pagando o tiro exterior local.

98-84. O Ineltrón Santo Domingo Betanzos non puido sumar unha vitoria máis ca necesaria perante o Calvo Basket Xiria en Carballo. Os das Mariñas visitaban os seus rivais bergantiñáns, rivais directos pola permanencia na Tercera FEB e, malia a importancia do derby, só conseguiron exhibir as súas credenciais nos últimos quince minutos. Porque no primeiros vinte e cinco, superado o intercambio de canastras iniciais, os locais dominaron claramente o partido, grazas, sobre todo, a un xogo exterior que o Santo non soubo defender (9/14 tiros de tres ao descanso). Houbo que esperar á segunda parte, como nos últimos partidos, para ver como o oficio dos betanceiros daba algo de emoción a un partido que parecía abocado a unha clara vitoria local.

Grazas aos axustes en defensa e ás ganas dos veteranos do equipo (enorme a loita de Rozas baixo os aros con Rubén Rey), os de Doc meteron o medo no corpo a uns locais que vían como Cebrián e Carrizo xa non conseguían tantas vantaxes coma na primeira parte (55-42) e que os visitantes se situaban, con posesión, 85-80 a 4.37 dun final con todo por decidir. Porén, e seguindo un guión demasiado repetido esta temporada, os de Betanzos incorreron en varias precipitacións (movidos talvez pola urxencia de dar a volta a un partido que uns minutos antes vían claramente perdido) e os carballeses, animados por unha arbitraxe que só parecía ver as faltas nunha zona, souberon ir sumando dende o tiro libre para certificar unha vitoria máis sufrida do que dá a entender o marcador. Gran partido de Dani Martín, cun contundente 7/11 en triplas, bos números de Brezo e Abelleira, e boa aportación de Rozas (10 puntos, 5 rebotes), Pepe Moreno (9 puntos, 3 rebotes) e de Luis Portilla baixo os aros (8 rebotes), demasiado castigado polas faltas.

Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro, Antonio Díaz “Doc”: “Durante a primeira parte eles responderon con acerto ás nosas defensas. Intentamos axustar pero faltounos algo de anticipación e chegar aos tiros. Na segunda… Viuno toda a bancada: un equipo entregado, intenso, agresivo, que se puxo 5 puntos abaixo para seguir reducindo o +18 deles. Con todo, outra vez eses finais axustados vindo dende abaixo… Cústanos moito rematar a faena e acabamos caendo na precipitación. Non teño nada que reprochar ao equipo. Todos axudaron, con máis ou menos acerto, e viuse un equipo unido. Temos que traballar nesa liña as tres semanas que quedan para intentar gañar os dous últimos partidos que temos por diante”.

Próxima cita: o Estudiantes Lugo na casa o vindeiro domingo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios