A deputada puxo en valor as estadías “como un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galicia”, e tamén “como un espazo de encontro, traballo comunitario, intercambio e aprendizaxe, onde os residentes poden reflexionar, avanzar e repensar as propostas, lonxe do ritmo vertixinoso do cotiá”.
Natividade González compartiu xornada cos e coas participantes nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, nunha visita na que coñeceu de primeira man seis dos oito proxectos seleccionados nesta edición.
“No departamento de Cultura da Deputación da Coruña”, explica González, “cremos firmemente na importancia de proporcionarlles ás e aos artistas un espazo propicio para que traballen nos seus proxectos, e Mariñán ofrece ese lugar de encontro, traballo comunitario, intercambio e aprendizaxe, onde reflexionar, avanzar e repensar as propostas, lonxe do ritmo vertixinoso do cotiá”. “Ver”, engade, “como os artistas aproveitan este tempo e este espazo para conectar, intercambiar, crear e aprender é unha satisfacción e un orgullo, e anímanos a seguir apostando por este tipo de iniciativas”.
As Residencias Artísticas Mariñán son, para a deputada, “un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galicia”. “O talento que se reuniu aquí é excepcional, e estou segura de que os proxectos que xurdan desta residencia terán un grande impacto no panorama cultural galego, como xa o están a ter”. E puxo de exemplo a montaxe teatral Iribarne, de ButacaZero, que participou nas Residencias en 2022 e vén de ser a gran triunfadora dos premios María Casares con nove galardóns que se suman á súa excelente traxectoria desde que se estrease no teatro María Guerrero a finais de 2023.
Participantes e proxectos
Desde o 31 de marzo, ata o 11 de abril, están no Pazo de Mariñán a desenvolver os seus proxectos Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. Compartiron espazo, entre o 31 de marzo e o 5 de abril, cos e coas residentes da primeira quenda da modalidade de música, Ailén Kendelman (Unha señora orquestra) e Abril (Investigación e creatividades para disco); e tamén cadrarán no Pazo, do 6 ao 11 deste mes, cos e coas participantes na segunda quenda, Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes; encontros con persoas relacionadas co mundo da creación e do pensamento; formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto por parte de expertas e expertos convidados; visitas e reunións con outras e outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais, e acompañamento e seguimento do proxecto, co fin de facilitar a súa viabilidade, por parte da comisaria de música, Aitana Cuétara, e do comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín.