Produtores galegos intercambian coñecementos co sector lácteo austríaco nunha viaxe promovida pola Xunta

Os asistentes puideron coñecer o funcionamento das explotacións leiteiras deste país que, como Galicia, é un referente na produción de leite.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de organizar unha viaxe formativa a explotacións de vacún de leite austríacas. O programa de actividades estivo centrado en visitas a gandarías de vacún, ovino e caprino; así como a escolas de formación e empresas de transformación. Esta iniciativa tivo como obxectivo o intercambio de coñecemento entre produtores e a aprendizaxe.

Preto dunha decena de produtores agroalimentarios das catro provincias galegas participaron nesta viaxe técnica, enmarcada dentro do Programa do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 a través da Intervención de Formación. Os asistentes puideron coñecer o funcionamento das explotacións leiteiras deste país que, como Galicia, é un referente na produción de leite.  

Este tipo de viaxes son especialmente enriquecedoras para os seus participantes, xa que lles permite coñecer outros modelos de producións semellantes aos seus. Ademais, contribúen a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto prazo. Tamén mellorar a resposta do sector ás esixencias sociais en materia de alimentación e saúde e, en particular, á demanda de alimentos de boa calidade, seguros, nutritivos e producidos de xeito sustentable. 

A visita estivo dividida en tres xornadas de mañá e tarde, nas que se combinou a formación teórica coa visita a explotacións. O primeiro día comezou cunha presentación sobre o sector lácteo en Austria. Posteriormente, os asistentes coñeceron o Centro de investigación, innovación e educación para o sector de tecnoloxía alimentaria. Pola tarde realizaron varias visitas a explotacións de vacún e ovino nas que transforman o seu propio produto para elaborar queixo. 

A segunda xornada estivo centrada nas granxas familiares, con tres visitas a explotacións de ovino e vacún que producen queixo, leite e xeado. Por último, os participantes puideron coñecer as instalacións da escola técnica de agricultura e tecnoloxía alimentaria e as instalacións dunha cooperativa con central leiteira. 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten as competencias vencelladas coa formación referentes ao Medio Rural. Por iso mesmo, é a encargada de xestionar o intercambio de coñecementos e información do sistema AKIS, que ten como obxectivo principal  seguir avanzando na modernización do sector a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización en zonas agrícolas e rurais, así como promover a súa adopción por parte dos agricultores, mediante un mellor acceso á investigación, a innovación, o intercambio de coñecementos e a formación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios