A banda da Loba presenta o seu novo videoclip “Olliños”, en colaboración con “Terrae”

A noite do xoves 10 de abril, A banda da Loba estrea novo videoclip. Ás 21.00 h na súa canle de Youtube as Lobas conversarán con quen queira asistir para comentar o primeiro visionado de “Olliños”, unha creación audiovisual que destaca por empregar unha técnica inédita na rodaxe dun videoclip en Galicia.

Baixo a dirección e concepto inicial de Pablo Fontenla (CREA), “Olliños” foi gravado nun plano secuencia sen cortes en tan só 12 segundos, un período de tempo que, grazas a técnicas de gravación a altísima velocidade nas que se captan máis fotogramas por segundo, pódese estender despois ata a duración total do tema musical.

Para acadar esta velocidade na rodaxe, empregouse un vehículo a motor para o travelling da cámara ao longo dos 100 metros de percorrido no interior dunha nave na localidade da Estrada, reconvertida en plató para a ocasión.

O desenvolvemento conceptual do videoclip pretende expresar a lírica do tema a través dos contrastes entre vestiario de cores e atrezzo, metáforas visuais integradas en efectos de posprodución (auga mariña, lúas cheas, estelas de luz…) así coma lume real na rodaxe, recreando un mundo máis próximo ao de “Alicia no país das marabillas”, na que as cinco integrantes de A Banda da Loba así coma o grupo Terrae teñen un papel protagonista.

Os múltiples efectos visuais que aportan vida a este traballo foron integrados por Martín De Soto.

Na rodaxe, participaron ata 150 persoas, convocadas a finais de novembro do ano 2024 a través de diversas chamadas nas redes sociais e medios de comunicación. Entre elas, destacan as colaboracións da academia de baile SondoDance e do Club de Ximnasia A Estrada. Así mesmo, cabe destacar o apoio do Concello da Estrada e de patrocinadores locais como O Copión, Copistrada e Pastelería Petiscos.

Electrónica con elegancia

“Olliños” é un dos temas incluídos no último traballo discográfico d’A banda da Loba e destaca por ser a súa primeira incursión na música electrónica de man do grupo Terrae.

“Na banda da Loba sempre intentamos non poñernos cancelas á hora de elixir a estética dos nosos temas e tiñamos pendente achegarnos á electrónica. Non puido ser de man de persoas máis talentosas e experimentadas que os amigos de TERRAE”, explican desde A banda da Loba.

Dende a kalimba coa que comeza o tema, as sonoridades elixidas convidan a viaxar a terras latinoamericanas, ao tempo que a melodía nos conecta, por momentos, con cadencias máis propias da música tradicional galega e andaluza. Aínda así, a inconfundible voz da vocalista loba, Xiana Lastra, así como a poética da letra, fai que resulte doado sabernos no marco do caleidoscopio musical ao que teñen acostumado ao seu público as Lobas. A elegancia e organicidade da electrónica de Terrae visten a melodía vocal facéndonos mover as cadeiras dende o comezo ata o final.

O xogo do amor

Como non podía ser doutro xeito, enmarcándose dentro deste quinto traballo discográfico que leva por título “Lovismo” e toma como fío condutor o amor, “Olliños” lévanos a pensar sobre todas esas veces que nos lanzamos a querer sen ter claras as normas do xogo do amor.

Confundidas polas mensaxes dos filmes, da literatura, das redes… chegamos a perdernos a nós mesmas, a desdebuxarnos, a renunciar a partes do que somos para intentar encaixar e adaptarnos á outra persoa. Este esforzo que se nos vendeu, imos vendo que non só non funciona, senón que nos acaba levando, en moitas ocasións, a vernos dentro dunha relación tóxica. Así, este tema convídanos a querernos en primeiro termo a nós mesmas, para dende este lugar de autorecoñecemento poder querer ben as outras persoas.

Este cambio de paradigma é o que nos permite, na vida e no vídeo, pasar de ver as cousas en branco e negro, a que se vaian tinguindo de cores, pasar de xogar a un póker do que descoñecemos as regras, a poder xogar mellor as nosas cartas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios