As Xuventudes Socialistas da Provincia de Lugo, reafirman o seu rexeitamento á celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar no concello lugués de Palas de Rei. Convén recordar que, as Juventudes Socialistas foron a primeira organización moza de ámbito estatal en pronunciarse en contra de Altri grazas ao traballo previo das XSG coa militancia lucense e responsables locais como a concelleira Ana Corredoira.
Por este motivo as Xuventudes Socialistas lucenses celebraron o seu congreso extraordinario para elixir a delegación da organización moza ó proximo congreso provincial do PSdeG-PSOE, nesta localidade.
No mesmo, a recentemente nomeada coordinadora provincial, Eva Blanco, destacou o “ínfimo compromiso da Xunta co medio rural e ca veciñanza, sobre todo coa máis nova, impedíndolles un doado e futuro asentamento no rural para desenvolver a súa vida”.
Pediulle, ademais, que “faga oído do malestar da veciñanza, das asociacións e demais entes ecoloxistas que solicitan a non implantación da fábrica, así como da xente moza que quere traballar, emprender e innovar no rural, pero non ás costas da natureza do país”. Destacando tamén “a importancia dunha industria sostible para o noso territorio, que non contamine a conca do río Ulla e da ría de Arousa”.
Dende a organización lembraron que “ a macrocelulosa de Altri require da captación dunha cantidade de auga diaria equivalente ao consumo da poboación da provincia de Lugo nun só día e móstranse inseguras sobre os efectos da variación do caudal do Ulla”.
O Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, puxo en valor o traballo que está a realizar a organización moza xunto co PSdeG-PSOE e as sucesivas mobilizacións que a veciñanza da Ulloa, do Salnés, do Barbanza e de toda Galicia veñen realizando nos últimos meses.
Deste xeito, destacou a necesidade de “traballar conxuntamente co PSdeG, que tamén rexeita a instalación da macrocelulosa na Ulloa, para facer chegar a política do socialismo galego a todos os recunchos da provincia”. “Lugo é un territorio onde o transporte, o emprego, a vivenda e a transición enerxética serán os piares da nosa acción socialista”, engadiu.
Despois de participar nas multitudinarias manifestacións que houbo por todo o territorio galego, as Xuventudes da provincia de Lugo móstranse incansables e con máis forza para seguir defendendo a auga, o aire, a saúde e a vida.