Xurxo Rodríguez, responsábel comarcal dos nacionalistas: “animamos a todas as persoas da bisbarra que procuren unha vivenda a inscribirse no rexistro de demandantes da Xunta, para que teñan en conta as necesidades existentes”
O BNG da Costa da Morte proporá que os concellos da comarca cedan terreos municipais de solo edificable ou susceptible de urbanizar, así como edificios para ser rehabilitados, para que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) constrúa nos mesmos vivenda protexida de promoción pública.
Os grupos municipais dos nacionalistas presentarán mocións ante os plenos de cada localidade para debater a proposta, que tamén inclúe instar aos gobernos locais a levar a cabo un estudo e unha campaña de información pública sobre a vivenda en cada concello, sobre a que se atopa baleira e a que debe ser rehabilitada, e promover a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza dos residentes que a precisen.
O BNG indicou que “existe unha demanda na sociedade, incluso con protestas nas rúas, para que os gobernantes arranxen o problema de acceso á vivenda que existe na actualidade, e a Costa da Morte non é allea a esta cuestión”. Por iso, a formación nacionalista reclama á Xunta de Galiza “a creación de vivenda de promoción pública na nosa comarca, para evitar que os mozos e mozas da bisbarra que non atopan vivenda para residir, emigren ás cidades”.
“É importante que os concellos da comarca aporten solo municipal para exixirlle a goberno galego que constrúa vivenda na comarca, co obxectivo de asentar poboación e impulsar demograficamente as zonas rurais e periféricas”, insistiu o BNG da Costa da Morte.
O responsábel comarcal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez Baña, animou a todas as persoas da bisbarra que procuren unha vivenda “a inscribirse no rexistro de demandantes da Xunta, para que teñan en conta as necesidades existentes”.
“Cremos necesario pasar da política de propaganda da Xunta a unha política activa en materia de vivenda, con visión estratéxica para avanzar decididamente na accesibilidade á mesma, para acadar cohesión social e territorial, sobre todo nas comarcas rurais como a nosa”, sinalou Rodríguez Baña.