Arroxo: “Seguimos a traballar en proxectos que teñan un impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal”.
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, deu contanen rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe na Xunta de Goberno Local por parte das áreas da Tenencia de Alcaldía. Arroxo explicou os 4 asuntos dependentes das concellerías de Participación, Infraestras e Educación, e anunciou que se vén de adxudicar a peonalización da rúa Milagorea, no treito comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón, un proxecto que, segundo explicou o Tenente Alcalde «permitirá completar un corredor peonil permitirá conectar a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza». O proxecto foi adxudicado á empresa Urbaconsa e suporá un investimento de 409.005,80€.
Rubén Arroxo destacou que esta actuación ten como data prevista de inicio o mes de maio, despois das Letras Galegas, e conta cun prazo de execución previsto de nove meses. «Con esta obra seguimos avanzando na creación dunha cidade máis accesible e sostible», afirmou.
Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de rúas clave como a rúa Divina Pastora, a praza de Agro do Rolo, a praza da Milagrosa e parte da rúa Milagrosa ata a rúa Curros Enríquez. A isto, sinala o Tenente Alcalde, engádense recentemente as peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, «creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible».
O proxecto de humanización tamén inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe. A rede de abastecemento será renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.
Rubén Arroxo insistiu en que «a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal».