Mercé Barrientos afirma que “durante anos non se afrontou este problema, que é grave, deixando a veciños e veciñas de Muxía sen que a súa vivenda sexa accesible”.
O BNG de Muxía rexistrou unha moción no Concello na que solicita que se habilite un acceso á vía pública para dúas vivendas situadas na rúa López Abente. Na moción pide que se inicien os trámites para lograr cesións de terreos que permitan dar continuidade ao viario público xa existente nesa zona e comunicalo coa rúa Enfesto. A proposta nacionalista, que deberá ser debatida no vindeiro pleno, recolle que unha vez completados os trámites para a inclusión no inventario municipal da continuidade desta vía, se proceda a adecuar e pavimentar para que sexa accesible para os viandantes e, especialmente, para persoas con dificultades de mobilidade.
Os nacionalistas indicaron que os residentes dos números 38 e 40 da rúa López Abente só dispoñen actualmente de acceso a unha vía pública a través das máis de corenta escaleiras que salvan o desnivel entre as súas vivendas e a estrada AC-440, e teñen que atravesar por terreos baldíos sen urbanizar para chegar á vía Enfesto. As familias levan anos demandando unha solución.
Ademais, o BNG sinalou que entre os afectados hai unha persoa cun grao de discapacidade importante, que ten tido dificultades para ser recollida por unha ambulancia cando a precisou. “O goberno municipal ten a obriga de atender as demandas e velar pola accesibilidade das vías públicas da súa veciñanza”, afirmou o grupo nacionalista.
A voceira do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, manifestouque esta cuestión xa foi trasladada no seu día aos gobernos de Félix Porto e de Santiago Toba. “Durante anos non se afrontou o problema, que é grave, deixando a veciños e veciñas de Muxía sen que a súa vivenda sexa accesible”, sinalou Barrientos, que insistiu en que “hai 15 anos que existenesa rúa unha persoa cunha discapacidade grave e haberá que resolvelo”.