O Palacio Municipal acolleu a entrega ás súas familias dos restos de Juan Boedo, Andrés Pinilla e Pedro Pinilla, vítimas do franquismo asasinadas e soterradas en fosa común no 1936.
María Pita acolleu esta mañá, no Salón de Sesións, o acto institucional de entrega dos restos mortais de tres veciños da cidade represaliados durante o franquismo en 1936: Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, asasinados e soterrados nunha fosa común no cemiterio de Bértoa, en Carballo. A exhumación foi realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en setembro de 2023.
O acto foi presidido pola alcaldesa Inés Rey, acompañada do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e da voceira da ARMH en Galicia, Carmen García Rodeja, ademais das familias das vítimas, representantes municipais, entidades e veciños e veciñas. Durante a súa intervención, a alcaldesa afirmou que «a verdade non prescribe, e a democracia só é plena cando recoñece ás súas vítimas e repara o dano causado», destacando que «as caixas que hoxe colocamos con respecto levan historia, levan memoria e levan dignidade, a mesma que lle foi negada en vida».
Posteriormente, serán trasladados aos cemiterios de San Cristovo das Viñas (A Coruña) e Montouto (Abegondo), onde recibiron sepultura digna xunto aos seus familiares. Rey subliñou que «hoxe devolvemos tamén unha parte da nosa cidade porque Juan, Andrés e Pedro eran homes do común, cidadáns conscientes, e por iso foron perseguidos e asasinados».
Inés Rey pechou o acto reafirmando o compromiso do Goberno local coa memoria e chamou ás instititucións a comprometerse coa súa recuperación, sinalando que «Nós non o facemos por nostalxia, facémolo por responsabilidade porque sen memoria non hai cidadanía, sen recoñecemento non hai convivencia e sen xustiza non hai democracia».
Os restos dos tres represaliados foron entregados ás súas familias en caixas cubertas coa bandeira de Galicia e unha rosa vermella. O acto contou coas intervencións das familias das vítimas: Carolina Pinilla, sobriña neta e bisneta de Andrés e Pedro Pinilla; e Dolores Pujol, sobriña política de Juan Boedo, en representación da familia Boedo. Tamén interviñeron o vicepresidente da ARMH, Marco Antonio González, o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a veciña de Bértoa, María Díaz, que puxo voz á memoria popular gardada durante décadas na parroquia.
Nese sentido, a alcaldesa lembrou que «a memoria non nace dos arquivos, senón das persoas», e que foi grazas á forza das familias e á veciñanza que non esqueceu que foi posible o acto. Subliñou que «a memoria democrática vive nas casas, nos barrios, nas mans que deixaron flores cando parecía que xa ninguén lembraba» e destacou que «preservala é unha responsabilidade colectiva».