O videoclip ‘A costa alentexana’, está realizado por Miguel Méndez Fotomatong e protagonizado por Marina Carpente.
Anxo Araújo estrea ‘A costan Alentexana’, un videoclip realizado por Miguel Méndez Fotomatong e protagonizado por Marina Carpente. Un traballo gravado na ría de Aldán no mes de marzo de 2025. O corte
adianta un EP de dous temas que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais. O novo traballo do artista continúa apostando por un pop de ritmos latinos como xa o facía no seu último disco ‘Aprender a bailar’, dando continuidade á luz que emanaba da órbita de aqueles ‘Días felices’. Os sintetizadores, os ventos e os ritmos latinos seguen estando presentes nun traballo que aposta pola viveza e pola elegancia dun orixinal pop de autor en galego.
‘A costa alentexana’ e ‘Viva!’ son os dous sinxelos que forman parte deste novo traballo mesturado por Anxo Araújo con mastering de Vitor García Ultramarinos (A Costa brava/Barcelona). Un traballo atlántico que anuncia o verán e as noites estreladas, como cando fomos, amor, á costa alentexana e aquel aire con restos de sal ergueu as persianas. Unha celebración da vida, pero tamén dos fracasos e das aprendizaxes, que viva cada día que miramos adiante porque atrás xa non presta mirar, dí Araújo no segundo corte do EP. Anxo Araújo firma un traballo cheo de sensibilidade que procura asilo nos ritmos de baile e na súa elegante voz.
Este verán poderemos velo no 17º Ribeira Sacra como parte da programación do festival o 19 de xullo, compartindo cartel artistas como Julieta Venegas, Angel Stanich ou The Jayhawks. O primeiro concerto será
o 27 de abril no Picnic Sesions, o festival de Saiáns, en Vigo. Tamén estará o 24 de maio na Pousada en Boiro ou o 7 de agosto nos Solpores da Rebullón en Tameiga, Mos, entre outras citas.