Un total de 56 estudantes do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, realizaron, no marco da materia de Xestión Contable de Financieira na Empresa de Moda e na de Marketing e Investigación de Mercados de Moda, un novo estudo de caso real centrado na empresa galega de xestión de residuos téxtiles Intertega.
Desde comezos do mes de xaneiro, o alumnado do Campus Industrial de Ferrol estivo a traballar man a man con preto de 300 estudantes da TED Rogers Management School da Toronto Metropolitan University de Canadá baixo a titorización dos profesores da Universidade da Coruña (UDC), David Olegario Peón, Cristina Anido e Manuel Escourido. Esta actividade formativa enmárcase dentro do Proxecto COIL (Collaborative Online International Learning), unha metodoloxía docente baseada na colaboración entre dúas universidades de distintos países na que participa activamente tanto o profesorado como o alumnado e na que se bota man da tecnoloxía e a interacción en liña.
Durante as últimas seis semanas, o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda presentoulle ao estudantado da TED Rogers Management School o caso real da empresa de xestión de residuos téxtiles Insertega como exemplo de sustentabilidade ambiental, social e económica na cadea de valor da industria e, posteriormente, traballaron de xeito conxunto e en pequenos grupos sobre como as diferentes marcas de moda canadiense poderían entrar no mercado español.
Como colofón a esta actividade formativa, a profesora da Toronto Metropolitan University de Canadá, Sui Sui, impartiu unha conferencia sobre as estratexias de internacionalización para as pemes e o profesor da Florida International University, Jesse Bull, outra sobre a negociación e a xestión de conflitos na empresa, esta última enmarcada no Programa de Seminarios Profesionais que promove o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC).