Vitoria transcendental do Ineltrón Santo Domingo Betanzos contra Estudiantes

Animados pola canteira, os betanceiros conseguen deixar aberta a salvación na categoría.

Ao final, as cousas saíron ben. E iso non sempre pasa na “casa do pobre”. Acirrados por unha bancada chea de rapaces da casa, os xogadores do Santo Domingo Betanzos sacaron adiante un partido que había que gañar de calquera das maneiras para darlle un sentido a esa última xornada da Tercera Feb (antiga Liga EBA) que, coma nos seus mellores tempos, volve ser decisiva. Ata 3 equipos chegan a esa data con posibilidades de salvación, de aí que o horario unificado (última xornada, sábado 26, 19h) volva ser necesario para evitar suspicacias.

Indo ao partido que se viu no Carregal, pavillón “José María Valeiro Iglesias Tocayo”, os seareiros que encheron as bancadas puideron presenciar un deses partidos que salvan a tarde do domingo. Tensión, emoción, alternativas por ambos os dous lados… Porén, quen conseguiu levar as cousas ao seu terreo, indo por diante as tres cuartas partes do encontro foron uns locais que, tras repoñerse dun 20-23 no 1Q, foi gañando todo o partido. Enorme partido de Brezo, cunha motivación que se trasladou á bancada (29 de valoración) e decisivas aportacións de Dani Martín (25 puntos) e Abelleira (12 puntos e 7 rebotes), sen esquecer as achegas de Pepe Moreno (12 puntos) e Ernest (12 puntos), que soubo defender a Mills, a estrela visitante, ata o punto de borralo no partido nos minutos finais.

Dani Martín, unha das estrelas da tarde, coincidía con Abelleira en sinalar que fora un partido tremendamente disputado e físico durante os 40 minutos, aínda que, a diferenza doutras ocasións, o colectivo soubera rematar a faena e amarrar a vitoria nos minutos finais. De cara á xornada que ven, os directores de xogo do equipo betanceiro facían unha aposta polos adestramentos durante estas semanas para chegar o mellor posible ao decisivo encontro con Bosco Ourense. Así valoraba o encontro, Antonio Díaz, “Doc”, o adestrador betanceiro: “Eles saíron moi enchufados, sobre todo co seu tirador, aínda que logo, na segunda parte, cun defensor grande, sufriu moito. Despois conseguimos correr ben en ataque e mover ben o balón, saíndo forte en defensa, e cando se sae forte en defensa, se corre e se move o balón é cando se gañan os partidos”.

Non se descarta un bo desprazamento por parte da afección betanceira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios