Oscar Insua denunciou o abandono histórico do servizo na Costa da Morte e exixe a creación dunha base permanente.
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, defendeu esta mañá na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior unha proposición non de lei para instar ao Estado para establecer unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte. Reivindicou a importancia desta base para a comarca e sinalou que a presenza do SVA no debate parlamentario actual é froito exclusivo da iniciativa do BNG, pois ningún outro grupo político priorizou esta demanda ata agora.
Insua recordou que tanto o PSOE, con 28 anos de goberno, como o PP, con 15, ignoraron sistematicamente a dotación dunha base marítima na Costa da Morte. Como ignoraron mudar o coeficiente redutor para a xubilación, “segue sendo os únicos traballadores no mar que non o teñen” ou seguen a ser os únicos das forzas e corpos de seguridade que non teñen o dereito á segunda ocupación. «Hoxe teñen a oportunidade de explicar por que non actuaron nos seus mandatos», dixo, denunciando a falta de medios e a desprotección das costas galegas.
Ademais, o BNG xa rexistrou o pasado mes de febreiro unha iniciativa similar no Congreso dos Deputados e publicada en diferentes medios locais e comarcais.
O deputado nacionalista advertiu da alarmante situación do servizo que conta cunha flota desmantelada e infraestruturas inoperativas, como as bases de Ribadeo e Muros. Venda «acelerada e opaca» de aeronaves con tecnoloxía de alto valor a prezos irrisoriosou a falta de patrulleiras modernas para Galiza, “mentres outras rexións como Andalucía ou Canarias reciben medios novos”.
Insua subliñou que a Costa da Morte é unha das zonas máis vulnerables ao narcotráfico, como demostra a recente aparición de narcosubmarinos nas súas costas. «As costas galegas están desprotexidas, e os narcos aproveitan os tempos adversos e as festas para introducir droga», alertou. A pesar do consenso político e operativo sobre a necesidade dunha base, «alguén en Madrid botou todo abaixo no último momento», criticou.
A proposición nacionalista acadou o apoio de todos os grupos parlamentarios para aprobar a creación dunha base permanente na Costa da Morte, unha demanda respaldada por gran parte da comarca. «Non podemos esperar outros 35 anos nin outro narcosubmarino para actuar», afirmou Insua. Ademais, reivindicou un «Servizo Galego de Vixilancia Aduaneira» con medios propios e coñecemento do territorio, algo que o PP sempre rexeitou.
O BNG exixe ao goberno estatal as accións inmediatas para dotar o SVA de medios adecuados e establecer unha base na Costa da Morte, poñendo fin a décadas de abandono e garantindo a seguridade das costas galegas.