En Touro prometéronnos un cambio, e o que chegou foi un remendo. Venderon renovación, participación, veciñanza… e acabaron sendo os mesmos cans vellos con colares novos. Caciquismo con redes sociais. Escenografía de democracia para seguir repartindo o pastel entre os de sempre.
O novo goberno municipal, ese que chegou co discurso do movemento veciñal, ensinou as cartas sen disimulo: contratacións públicas con cláusulas subxectivas feitas a medida, puntuacións manipulables, e contratos que sempre rematan no mesmo peto. O clásico manual do cacique, pero agora con estética de cambio e retórica filosófica de Facebook.
Iso non é transformación. É maquillaxe de feira. E cando un movemento veciñal se convirte nun movemento caciquil, o que hai é traizón. Ás palabras, á xente, e á terra.
Pero por se isto fose pouco, a última escena roza o esperpento: un pleno no que se vota —e se rexeita— a proposta de que o Concello se persone nas causas ambientais contra a mina. A mesma mina que leva anos ameazando o futuro da comarca. A proposta buscaba, nin máis nin menos, que o Concello defendese aos veciños achegando informes periciais que as asociacións non poden pagar. Nove votos en contra. Entre eles, os do autoproclamado “movemento veciñal”. Aplausos na bancada da empresa mineira, que xa non necesita avogados: ten ao goberno municipal como parapeto.
E todo cun alcalde que, cando non manipula, calunia. Que primeiro despreza, logo xustifica e por último se agocha tras o “isto xa está feito”, mentres os veciños seguen indefensos e a empresa, esa si, contrata peritaxes millonarias para que todo quede reducido a unha sanción anecdótica. Rúas cheas de boas intencións e despachos cheos de silencio cómplice.
Nada novo baixo o sol. Xa hai meses decidiran non recorrer a declaración da mina como proxecto estratéxico. Porque, segundo o alcalde, xa só quedaba “dereito á pataleta”. Sen informes, sen alegacións, sen dignidade. E mentres tanto, a veciñanza asume que aquel que berrou “non á mina” nas prazas agora calou no pleno.
E como colofón, temos a guinda do pastel: o alcalde decide, sen consultar sequera co concelleiro de Turismo, patrocinar coa cartiña pública a Festa do Viño da Ulla… en Vedra, que é onde el está empadroado. Iso si, redactando el mesmo o texto da revista, como quen escribe a súa propia oda nun altar de egos. Un intento cutre de visibilización persoal co diñeiro de todos. Porque se vive alí, hai que quedar ben cos do lugar. Porque este ano, casualmente, tamén houbo patrocinio. Iso si, en silencio, sen nota de prensa, sen foto institucional, sen que saíra nas redes do Concello. Hai xogadas que é mellor facer á sombra, non vaia ser que se enteren os veciños que pagan.
Non hai maior perigo que unha falsa sensación de seguridade. Non hai traizón máis sucia que a do que promete defenderte e despois négase a pelexar. O raposo acabou coidando das ovellas, e desta vez non fixo falta disimular. Amosou os dentes, e votaron por el.
En Touro non hai cambio. Hai continuidade disfrazada, traizón con publicidade institucional, e unha administración que sabe perfectamente o que fai… e a quen serve.
A quen lle moleste este artigo, que mire o perfil do contratante. Alí está todo. En letras pequenas e contratos a dedo.
Lo curioso es que le llaman «Movemento veciñal» al grupo comandado por el sujeto de la imágen.Estas cosas en lugar de molestar a nadie sirven para que los ajenos al medio ambiente de la zona ,sepamos lo que hay.Gracias David!