A xornada, orientada a familias e profesionais da educación, contará coa participación dos expertos en crianza Carmen Osorio, Juan Llorca, Rosa Jové e Sara Noguera.
A Delegación da Xunta en Lugo acollerá o vindeiro sábado, 26 de abril, a xornada educativa ‘Medrando xuntas’ organizada pola escola de inglés Kids&Us da cidade. O delegado territorial, Javier Arias, e a directora da academia Marta Corral, presentaron esta mañá o encontro, dirixido principalmente a familias e docentes, no que participarán recoñecidos expertos en crianza, educación, alimentación infantil e tecnoloxía.
A xornada dividirase en dous bloques: un de mañá, de 10.30 a 14.00 horas, e outro de tarde, de 16.00 a 18.30 horas. Contará con catro relatorios de profesionais que son referentes nos seus ámbitos e que ofrecerán charlas onde compartirán cos asistentes ferramentas, experiencias e coñecementos que poden marcar unha diferencia real no día a día de calquera familia.
Os expertos que participarán no encontro son a psicóloga especializada en crianza respectuosa, sono e desenvolvemento infantil, Rosa Jové; a divulgadora de maternidade e crianza experta en adicción ás novas tecnoloxías, Carmen Osorio; o chef e referente en alimentación infantil saudable, Juan Llorca; e a musicoterapeuta, divulgadora en crianza consciente e acompañamento a familias, Sara Noguera. Ademais, os responsables de Kids&Us en Lugo impartirán unha charla sobre a aprendizaxe do inglés na infancia.
Os promotores do evento explicaron durante a presentación que organizan esta xornada, coincidindo co décimo aniversario da escola que dirixen, co obxectivo de xerar un “espazo de aprendizaxe e reflexión” no que “proporcionar ferramentas útiles e xerar comunidade entre familias, docentes e profesionais da infancia, a partires dos conceptos de crianza respectuosa, educación consciente e alimentación saudable”.
Javier Arias animou ás familias e docentes lucenses a participar neste “evento educativo único na cidade, que supón unha oportunidade para aprender, compartir experiencias e medrar xuntos”. Pódense formalizar as inscricións a través das redes sociais de Kids&Us.