As subvencións apostan por favorecer que os titulares de explotacións agrarias se incorporen aos réximes de calidade representados polas denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, a produción ecolóxica ou a artesanía alimentaria.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas que buscan fomentar a incorporación de agricultores a réximes de calidade, cun orzamento de 240.000 euros.
Esta liña de achegas, de carácter anual e que se enmarca no Plan estratéxico da PAC 2023-2027, céntrase en impulsar que os titulares de explotacións agrarias se incorporen aos diferentes réximes de calidade que representan as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas ou as producións ecolóxicas e artesanais. O seu obxectivo é cubrir nos primeiros anos os custes derivados desta incorporación.
Na resolución advírtese que Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario. Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas.
Este sistema de protección, que inicialmente foi deseñado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea e actualmente acolle un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario, polo que a Xunta aposta claramente por el.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións agropecuarias inscritas no REAFA que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade. No caso da produción ecolóxica, tamén poderán recibir axuda aqueles que xa tiveran actividade e que incorporen agora algunha nova orientación produtiva. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación.
Na valoración dos expedientes, vanse primar aquelas solicitudes de agricultores que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade. Tamén terán preferencia aqueles produtores que se incorporen por primeira vez a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas rexistradas nos últimos anos, as persoas mozas incorporadas á actividade, os titulares de explotacións que se sitúen en zonas de montaña e as solicitudes presentadas por mulleres. Para estas axudas, o prazo de presentación de solicitudes remata o día 27 de maio.
Ligazón á resolución no DOG: