O PP reclama ao Goberno local de Lugo que cumpra o acordo unánime para crear prazas de aparcamento express xunto ás farmacias

Hai un ano que o Pleno aprobou por unanimidade, a proposta do Partido Popular, para que se creasen prazas de aparcamento express na contorna das farmacias de Lugo. Unha medida sinxela e útil que xurdiu da escoita activa ao Colexio de Farmacéuticos, que trasladou ao Grupo Municipal Popular a necesidade de facilitar o acceso ás farmacias en zonas con dificultades de estacionamento.

Esta iniciativa, que conta co respaldo legal e coa viabilidade técnica, leva un ano esquecida nun caixón. O Goberno local non deu un paso firme para facer realidade o acordo que eles mesmos aprobaron.

Os populares lembran como “en decembro volvemos levar este tema ao Pleno cun rogo, e a resposta foi tan ambigua como inútil. Fálase de que se ‘está tendo en conta’, pero a realidade é que nada cambiou e os veciños seguen sen solucións”, denuncia o Grupo Popular. “Se hai farmacias con problemas de mobilidade ou acceso, como se recoñeceu desde o propio Goberno local, o lóxico é actuar xa”.Desde o Grupo Popular volvemos a reiterar que se habiliten estas zonas de aparcamento rápido ao carón das farmacias para aparcar xa que coas dificultades que hai en certas zonas da cidade a veciñanza precisa de solucións para garantir o acceso a estes establecementos

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios