Isabel Faraldo, Coordinadora Nacional de Podemos Galicia, realizou hoxe unha visita institucional á zona da Ribeiriña-Conchido, no concello da Pobra do Caramiñal, para coñecer de primeira man a grave situación ambiental que afecta a este espazo e mostrar o seu apoio firme á veciñanza.
Na visita estiveron presentes tamén o patrón maior da Confraría da Pobra, Enrique Maceiras; o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro; e a directiva da Asociación de Veciños e Veciñas da Ribeiriña-Conchido. Esta xuntanza permitiu escoitar directamente ás persoas afectadas, compartir información e reforzar as demandas cidadás ante a inacción das administracións.
Isabel Faraldo afirmou:
“As veciñas e veciños da Ribeiriña levan anos loitando con dignidade por un ben común que debería estar garantido: o dereito a un medio ambiente san. A súa determinación é admirable, pero non pode ser que teñan que seguir empurrando sós mentres as institucións miran para outro lado. Desde Podemos Galicia non só os escoitamos: estamos ao seu carón e esiximos, con toda a contundencia, solucións inmediatas.”
A situación na Ribeiriña-Conchido é alarmante. A presenza de vertidos de fuel, detectados tras a retirada da antiga fábrica de Onza de Oro en 2024, está a xerar un forte impacto ambiental, especialmente nos días de vento ou temporal. Non se descarta que a nave de Hadasa, actualmente en concurso de acredores e parcialmente situada sobre dominio público marítimo-terrestre, tamén estea implicada na contaminación.
A pesar de informes parciais emitidos por distintas administracións , ( Portos, Augas de Galicia e o propio Concello), a veciñanza continúa sen respostas claras. A Confraría de Pescadores tamén se viu afectada, co peche de bancos marisqueiros en base a análises ambientais sen transparencia. Mentres tanto, a técnica municipal de medio ambiente segue elaborando informes para intentar esclarecer a situación.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia é a administración competente para emitir un informe técnico definitivo, cun prazo máximo de catro meses, e que podería tratarse de residuos perigosos incluídos no Plan CAMGAL (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia). Porén, desde Podemos Galicia subliñamos que esta responsabilidade non pode quedar só no ámbito autonómico: o Goberno do Estado, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o ente de Portos do Estado deben implicarse dunha vez por todas.
Queremos destacar o traballo exemplar da Asociación de Veciños e Veciñas da Ribeiriña-Conchido, que leva meses ( e mesmo anos), organizándose, informando e reclamando unha solución a esta emerxencia ambiental. Grazas á súa constancia, a súa voz segue viva e escoitándose en todas as instancias.
Desde Podemos Galicia reiteramos o noso compromiso de estar ao seu lado e de traballar para que as súas demandas sexan atendidas con seriedade, urxencia e responsabilidade