O Concello organizou para eles un contacontos teatralizado e agasallou a cada neno cun libro.
Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, esta mañá preto dun centenar de nenos de 1, 2 e 3 anos de idade, usuarios da escola infantil pública “A Galiña Azul”, visitaron a biblioteca municipal da Laracha.
Na ampla sala diáfana coa que conta o baixo do edificio os cativos asistiron ao contacontos teatralizado Contos pequeniños, de Bea Campos. Ao rematar, todos os nenos subiron á biblioteca para coñecela e o Concello agasalloulles cun libro detemática acorde á súa idade.
A iniciativa foi organizada polo Concello coa finalidade de que os usuarios da escola infantil desfrutasen dunha actividade dirixida a facer que os cativos se interesen polos libros e a lectura xa desde idades moi temperás. Fíxose no marco do programa municipal do Mes do Libro, que se vén desenvolvendo nas últimas semanas e para o que aínda restan actividades por realizarse. Este domingo ás 18:00 h no Centro Sociocomunitario de Caión ofrécese o contacontos Un rosel de Ardora, de Polo correo do vento, e o martes 29, Día Internacional da Danza, concluirá a programación co obradoiro Danzando coa primavera, pensando para maiores de tres anos e que impartirá Laura Martínez Rey no baixo da biblioteca da Laracha ás 17:30 h. Neste último caso requírese incricion previa (gratuita) ao ser prazas gratuitas