O Pleno do Concello de Noia aprobou por unanimidade, na sesión do pasado xoves, a moción presentada por urxencia pola Marea de Noia para reactivar o proceso de municipalización do Servizo de Atención no Fogar (SAF). A proposta, que xa fora aprobada en novembro de 2022, fora paralizada durante máis de dous anos polo goberno municipal.
O alcalde Santiago Freire rexeitara incluír o punto na orde do día dos plenos de marzo e abril, o que motivou a súa presentación por vía de urxencia. No debate, o executivo local achegou tres informes contrarios á municipalización, mais sen cuestionar expresamente a viabilidade da xestión directa do servizo, que a efectos prácticos vén sendo o mesmo.
Durante a intervención plenaria, o concelleiro da Marea de Noia, Manolo Seijas, subliñou que “o que se pretende é que un servizo tan esencial para a cidadanía sexa prestado dignamente”, recalcando a necesidade de mellorar as condicións laborais das traballadoras e dotarlles de dispositivos que faciliten o seu traballo diario. Seijas lembrou que o compromiso da Marea é firme, lembrando que “desde o 2018 conseguimos que se licitase o servizo e se mellorasen significativamente as condicións, pero cómpre seguir avanzando.”
A moción aprobada establece a obriga de iniciar de forma inmediata os trámites técnicos e administrativos para a municipalización, incluíndo un calendario con prazos definidos. Tamén contempla garantir a participación activa das traballadoras e dos sindicatos no proceso, así como a información periódica ao Pleno sobre os avances. Nun xiro significativo, tanto o Partido Popular como o grupo NO.I.A, que inicialmente alegaran a falta de capacidade do Concello para asumir a xestión directa, apoiaron finalmente a moción, contribuíndo así á súa aprobación unánime