O PSdeG ve no Debate do Estado da Autonomía “os primeiros síntomas” de rectificación do PP sobre a quita da débeda

O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, salientou hoxe que «o Partido Popular comezou a falar e a abrirse á posibilidade de aprobar a condonación da débeda dos 4.010 millóns de euros que presenta o plan do Goberno do Estado», o que cualificou como «os primeiros síntomas de rectificación» por parte da Xunta.

«Aínda votaron que non á nosa proposta», recoñeceu Torrado, «pero o máis importante é que o PP rectificou o seu discurso e recoñeceu por primeira vez que a quita é unha medida posible, real e beneficiosa para Galicia». «O Partido Popular está empezando a demostrar que acabará cambiando a súa postura, como dixemos desde o principio», advertiu, ao tempo que asegurou que «aínda que seguen votando que non, acabarán solicitando a aceptación desta condonación para financiar servizos públicos».

Torrado fixo estas declaracións ao valorar o Debate do Estado da Autonomía, onde destacou que «o Partido Socialista presentou unha alternativa de país» fronte a un Partido Popular «que utiliza o Parlamento de Galicia como un macroescenario de roldas de prensa para intentar instrumentalizar Galicia como ferramenta para as políticas de Rueda e Feijóo».

O voceiro socialista puxo en valor que fronte a esa actitude do PP, os socialistas «traballamos en traer propostas proactivas para Galicia, nos temas que importan á cidadanía: vivenda, sanidade e economía».

Ademais, puxo en valor que o PSdeG logrou «arrincar acordos dos que estamos contentos», como a modificación da proposta educativa do PP para introducir «cambios no E-Dixgal, conceptos de educación inclusiva de verdade» e melloras en saúde mental, «ampliando a rede de equipos no sistema sanitario». Segundo explicou, «son cuestións que preocupan moito a nais, pais e profesorado, e que foron impulsadas polos socialistas».

O voceiro da Executiva socialista recordou ademais que o PSdeG impulsou propostas para «o banco público de alugueiro, a mellora de infraestruturas, o camiño cara á gratuidade das peaxes e a mellora do sistema sanitario», cuestións que «foron rexeitadas polo Partido Popular porque nunca tiveron intención real de acordar».

«Presentamos unha alternativa de país e o Partido Popular ás veces empeza a entender que, cando rectifica e nos dá a razón, empeza a acertar», concluíu Torrado, quen avanzou que «seguiremos traballando e os galegos e galegas saben que poden contar co Partido Socialista para falar das cousas que importan».

Comparte éste artículo
No hay comentarios