A Xunta renova o seu apoio ao salón internacional do cabalo “Equigal” que se celebra do 2 ao 11 de maio en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación da 18ª edición, que incluirá o campionato nacional de salto de obstáculos, concursos morfolóxicos e actividades de iniciación á equitación nas que participarán uns 200 escolares.

A  Xunta renova o seu apoio ao Salón Internacional do Cabalo de Galicia (Equigal), que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre o 2 e o 11 de maio. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da 18ª edición, que ofrece un amplo programa dirixido a profesionais, criadores e público en xeral. 

As actividades incluirán o campionato nacional de salto de obstáculos e concursos morfolóxicos, onde se poderán ver exemplares destacados de raza árabe e galega. Máis de 100 cabalos e uns 80 xinetes estarán nas diferentes probas organizadas. Tamén haberá bautismos ecuestres para escolares nos que se agarda a participación duns 200 nenos e nenas. 

Arias felicitou á Federación Hípica Gallega pola traxectoria desta cita, que sinalou como unha das “convocatorias de referencia e con maior impacto positivo para a cidade dentro da extensa programación anual do Pazo de Feiras e Congresos”, do que a Xunta é o principal patrono.

Tamén destacou o crecente interese pola hípica na provincia de Lugo e valorou que lle dea visibilidade entre os máis pequenos, en liña con outras accións da Xunta, que inclúe esta disciplina na oferta do programa de deporte escolar Xogade. 

En canto ao calendario previsto, esta fin de semana – do 2 ao 4 de maio – o recinto feiral acollerá o Concurso Hípico Nacional de Salto de Obstáculos; mentres que e a seguinte – 10 e 11 de maio – desenvolveranse o XVIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Árabe e o VIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. As actividades de iniciación á equitación para escolares, dirixidas aos colexios, realizaranse durante a semana – do 5 ao 9.

Comparte éste artículo
No hay comentarios