O deputado nacionalista Oscar Insua manifestou que “é inxusto que os concellos teñan que pagar os custes dunhas probas, simplemente polo feito de sermos periferia. Os concellos das cidades onde hai campus nin asinaron ningún convenio nin van asumir gasto algún. Despois quéixanse que a mocidade marcha dos pobos”
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que insta á Xunta de Galiza a buscar unha solución para que o Concello de Cee e de toda a contorna non teñan que asumir os custos económicos das probas da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade). O representante nacionalista propón axudas directas ou outro tipo de medidas, tendo en conta de que se trata dunha competencia impropia das entidades locais.
No seu día, os Concellos de Cee, A Rúa e Viveiro asinaron un convenio coa Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG) e co Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galiza (CISUG), polo cal se celebran as probas en ditos municipios, comprometéndose as entidades locais a abonar os gastos xerados nas mesmas.
Deste xeito, os exames de acceso á universidade volverán a celebrarse este ano nos dous institutos ceenses, IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco. Inicialmente, o custo económico para o Concello de Cee ascendía a 15.000 euros, pero en 2024 tivo que aportar a cantidade de 17.542 euros, e neste ano 2025 subiron as contas, e no modelo de convenio para asinar, as cantidades que terán que asumir as arcas ceenses aumentaron de forma considerable, ata os 21.488 euros. Por esta razón, a alcaldesa de Cee reuniu a todos os alcaldes da comarca para repartir ese custo entre os concellos, en función do alumnado que aporte cada un ás probas. As contías son destinadas aos gastos de persoal e aos traslados dos funcionarios que forman parte do tribunal para dúas convocatoria (xuño e xullo), ademais de custos de xestión que supoñen un 20 por cento do total e que non se detallan para que se destinan.
O deputado corcubionés, Oscar Insua, declarou que “a Xunta non pode ser unha convidada de pedra, e calar ante unha discriminación máis a comarca. Acaso teñen que ser os concellos os que paguen as descentralizacións dos servizos? Dende o BNG imos levar este asunto ao parlamento para buscar unha solución porque ademais de ser unha competencia impropia dos municipios, non pode ser que teñamos sempre que pagar máis para ter os mesmos servizos públicos que nas cidades”.