O PPdeG destaca ante Europa o rigor medioambiental e xurídico do Goberno galego na avaliación de proxectos industriais fronte a quen “antepón a ideoloxía á lexislación”

O Partido Popular de Galicia reivindicou ante Europa o rigor medioambiental e xurídico do Goberno galego no proceso de avaliación e tramitación de proxectos industriais que queiran instalarse na nosa Comunidade e contrapúxoo a aqueles grupos políticos que antepoñen a ideoloxía á lexislación.

Así o fixeron a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, e a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na reunión que mantiveron coa comisaria de Medio Ambiente da Unión Europea, Jessika Roswall, no marco do Congreso do PP Europeo celebrado en Valencia.

Unha xuntanza na que tiveron ocasión de explicarlle a Roswall como se leva a cabo o proceso de tramitación ambiental en Galicia e, nesta liña, incidir en que, tal e como quedou plasmado en catro pronunciamentos do Tribunal Supremo, dito proceso faise desde o «máximo rigor» co que traballan os técnicos da Xunta.

De feito, Vázquez tendeu a man aos comisarios europeos con competencias na materia, e en especial hoxe á de Medio Ambiente, para que se trasladen á nosa Comunidade e coñezan in situ e con total transparencia como se realizan estas tramitacións ambientais e cales son os criterios técnicos que se empregan.

Advertiu que «Galicia está a sufrir os efectos da contestación permanente e o rexeitamento sistemático de certos sectores á implantación industrial», facendo fincapé que é primordial que exista seguridade xurídica nas avaliacións ambientais de cara a «frear a certos grupos políticos que fan primar a súa ideoloxía fronte á lexislación vixente co fin de paralizar o asentamento de proxectos industriais na Comunidade».

BLOQUEO DO DESENVOLVEMENTO EÓLICO

Un contexto no que resulta especialmente preocupante a situación de bloqueo do desenvolvemento eólico na medida en que, tal e como manifestou Ángeles Vázquez, se traduce nunha «parálise inédita en España» e supón a perda de 2.574,19 MW de enerxía limpa que se podería estar xerando desde Galicia.

A titular de Medio Ambiente do Goberno galego explicou á responsable desta área na Comisión Europea que a nosa Comunidade conta con 191 parques eólicos en funcionamento que suman unha potencia de 3.954,8 MW, así como con outros 140 parques autorizados cunha potencia de 3.153,6 MW e que están á espera de entrar en funcionamento. Xa que, destes 140 parques, 98 están afectados por recursos xudiciais e administrativos.

Por iso solicitou a Roswall un «control exhaustivo» das transposicións das normas comunitarias que aínda non levou a cabo o Goberno de España e lembroulle que Galicia agarda que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se pronuncie «á maior brevidade posible» sobre a cuestión prexudicial elevada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que cuestiona a transposición que fixo hai máis dunha década o Estado español da normativa comunitaria a través da Lei estatal de avaliación ambiental de 2013.

Tal e como manifestou na reunión, Galicia agarda que a decisión da Xustiza europea permita desbloquear os proxectos que están paralizados e proporcione a seguridade xurídica que precisan os seus promotores.

Comparte éste artículo
No hay comentarios