A eurodeputada do BNG salienta a importancia da aprobación do novo regulamento de cooperación transfronteiriza, do que foi relatora.
O pleno do Parlamento Europeo aprobou hoxe o novo regulamento de cooperación transfronteiriza “BridgeforEu”, unha normativa na que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desenvolveu un proceso activo como relatora por pare do grupo Verdes-ALE, e que ten por obxectivo “eliminar os obstáculos que existen nas fronteiras”, como acontece na fronteira entre Galiza e o norte de Portugal.
“Hoxe é un día moi importante para a Europa dos Pobos”, salienta a eurodeputada galega, quen explica que o regulamento apoia o desenvolvemento dos territorios fronteirizos, -nos que viven máis de 150 millóns de cidadáns da Unión Europea, dos que 2 millóns son galegos e portugueses-, mediante a introdución dun procedemento estándar para identificar e resolver os obstáculos transfronteirizos que dificultan que os cidadáns e as empresas poidan beneficiarse plenamente da integración na UE.
Así, esta normativa permitirá dar solución aos problemas cos que se atopa a cidadanía que vive ao longo da fronteira entre Galiza e Portugal, como o recoñecemento dos títulos, os problemas administrativos relacionados coa sanidade e o ensino, o desenvolvemento de políticas medioambientais, así como o transporte.
“O Regulamento BRIDGEforEU ofrece unha oportunidade histórica para mellorar as relacións económicas, sociais e culturais entre Galiza e o norte de Portugal, xa que permitirá resolver obstáculos administrativos e legais que dificulten ou aumenten o custo da súa vida por vivir nun territorio transfronteirizo con fondos lazos históricos, culturais e lingüísticos como a fronteira galego-portuguesa”, salienta Miranda.
Punto de Coordinación
Para atopar solucións a todos estes obstáculos administrativos e legais nas zonas fronteirizas, este novo regulamento prevé que se establezan Puntos de Coordinación Transfronteirizos nos Estados que queiran participar. “No BNG queremos que este punto para a eliminación de obstáculos estea situado en Galiza, na fronteira galego-portuguesa, e non en Madrid”, destaca ao tempo que indica que este novo servizo avaliará as solicitudes dos actores locais sobre obstáculos potenciais e actuará de ligazón coas autoridades dos Estados Membros para abordalos.
Unha vez detectado o obstáculo, para a súa resolución, o novo regulamento contempla a Ferramenta de Facilitación Transfronteiriza, así como un rexistro público europeo de obstáculos transfronteirizos, recompilando datos dos Estados Membros sobre cuestións transfronteirizas tanto en fronteiras terrestres como marítimas.