Ante o apagón, o BNG defende a nacionalización das eléctricas e a aplicación da Tarifa Eléctrica Galega que repercuta en beneficio á Galiza como país produtor.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou unha profunda crítica á resposta opaca e insuficiente do Goberno español en relación ao apagón eléctrico masivo que afectou á Galiza e ao resto do Estado no pasado 28 de abril. Durante a comparecencia do Presidente Pedro Sánchez na cámara baixa, Rego lamentou que non se ofrecesen explicacións convincentes nin se asumisen responsabilidades.
“O máximo que nos dixo o Presidente é que foi unha ‘concatenación de avarías’, faltou na súa intervención non só información, senón tamén autocrítica. Sumámonos ao recoñecemento do comportamento exemplar da cidadanía e dos empregados e empregadas públicas, mais o Goberno debería pedir desculpas polo acontecido e non o fixo”, subliña o deputado nacionalista, Néstor Rego.
Denuncia do sistema eléctrico privatizado e proposta de nacionalización
Durante a súa intervención, o representante do BNG salienta que este tipo de situacións son “consecuencia directa” dun modelo enerxético privatizado e ao servizo do lucro das grandes corporacións. “O sistema eléctrico —desde a xeración até a comercialización— está controlado por intereses privados. O PSOE comezou a súa privatización nos anos 80 e o PP completouna nos 90. Hoxe, empresas como Redeia teñen máis de 80% de capital privado, con fondos como BlackRock ou Amancio Ortega como principais accionistas” apunta Rego.
“O BNG sempre defendeu que se a enerxía é estratéxica, debe estar baixo control público. Por iso, hoxe, nacionalizar as grandes eléctricas e Redeia ten máis sentido do que nunca. Permitiría ter un maior control sobre o sistema do que agora existe” asevera o deputado nacionalista. Por outra parte, Rego reclama a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, que repercuta beneficios sobre a cidadanía dun país produtor como a Galiza.
A enerxía galega, espoliada: “Galiza tratada como unha colonia”
Rego aproveitou a comparecencia para criticar con dureza o trato discriminatorio á Galiza durante o apagón: “Mentres os encoros do Miño e do Sil funcionaban ao máximo, a enerxía producida marchaba para Madrid, mentres aquí quedabamos sen luz. Arzúa foi o último concello en recuperala, a pesar de estar ao carón do encoro de Portodemouros” evidencia.
Segundo o deputado nacionalista, este feito demostra que Galiza continúa a ser tratada como “unha colonia enerxética, asumindo os impactos ambientais e sociais sen retorno ningún”.
Modelo enerxético sustentábel, con control galego e libre de espolio
Así mesmo, Néstor Rego defende a necesidade de ter un control galego sobre os recursos enerxéticos, para que repercutan positivamente no benestar e no desenvolvemento do país. “Un modelo enerxético sustentábel e rexeitamento da nuclear e do espolio eólico” reafirma.
Rego reiterou o rexeitamento frontal do BNG á enerxía nuclear e ás propostas do PP de reabrir ou prolongar a vida das centrais. “A Galiza conseguiu frear nos anos 70 a instalación dunha central nuclear en Xove e seguirá loitando contra proxectos agresivos, como a megacelulosa de Altri en Palas de Rei. Non imos aceptar que a Galiza sexa unha zona de sacrificio” advirte Rego.
Tamén denunciou a ofensiva eólica que está a vivir o país, con máis de 300 proxectos —moitos deles, megaparques— impulsados por grandes empresas privadas, sen control público nin beneficios para o territorio. Frente a este modelo, a organización nacionalista defende unha planificación racional e xusta das enerxías renovábeis, con participación pública e retorno social e económico para a Galiza.
Crítica ao aumento do gasto militar e defensa da paz
Paralelamente, Néstor Rego denunciou a intervención do Presidente do Goberno ante a tentativa do Goberno de vincular o apagamento co incremento do gasto militar, nun intento de lexitimar unha escalada armamentística. “É escandaloso que se utilice unha crise eléctrica para xustificar máis investimento en armas. Isto encaixa perfectamente coa ‘doutrina do shock’: sementar medo para recortar liberdades e investir en militarización” subliña.
“Non só non conta co apoio das forzas soberanistas e de esquerda neste Congreso, senón tampouco co apoio da sociedade, que ve con preocupación a escalada belicista e o inevitábel desvío para armamento de recursos que poderían e deberían servir para fortalecer as políticas sociais e os servizos públicos. Porque, salvo que o Presidente do Goberno teña unha variña máxica, iso é o que vai acontecer” evidencia Rego. “Para o BNG, a prioridade debe ser clara: políticas sociais, servizos públicos, benestar e Paz. Non máis militarización” sentenza.