Elena Candia apoia as demandas da veciñanza da Milagrosa para mellorar a seguridade e poñer freo á degradación do barrio

O Partido Popular de Lugo celebrou un encontro aberto coa veciñanza da Milagrosa para escoitar, compartir propostas e traballar xuntos nunha mellora real da calidade de vida no barrio. A reunión contou coa participación de profesionais en áreas como a seguridade cidadá, a ocupación e a integración social, e permitiu abordar temas que preocupan aos residentes nesta zona así como poñer sobre a mesa propostas concretas que poidan mellorar o día a día no barrio.

Máis seguridade: presenza policial e policía de proximidade

O exoficial da Policía Local, Benito Martínez, subliñou a importancia de reforzar a presenza policial na rúa e recuperar a figura da policía de barrio como elemento disuasorio e de proximidade coa cidadanía.

Dende o Grupo Popular, Elena Candia confirmou que comparte esta proposta, e engadiu que o seu grupo leva anos reclamando a creación dunha delegación da Policía Local na zona norte da cidade, co obxectivo de garantir unha resposta máis áxil e próxima. A presenza policial debe interpretarse como un compromiso coa seguridade polo que é necesario poñer o seu traballo.

Ocupación ilegal: afrontar o problema con realismo

O avogado Raúl Pérez abordou a problemática da ocupación ilegal, advertindo dos riscos de minimizar ou negar o problema, xa que iso pode derivar nun efecto chamada que agrave a situación. Tamén foi crítico coa lexislación estatal actual, que considera pouco eficaz para protexer os dereitos dos propietarios.

Elena Candia sinalou que “os problemas non se resolven se os negamos. A Milagrosa é un barrio con potencial, pero necesita ferramentas útiles.”

Neste sentido, reiterou a proposta do PP de fortalecer o papel de Evislusa como creando  un banco de vivendas en alugueiro, e para implantar a través da Empresa Municipal do Solo mecanismos que dean garantías aos propietarios, dentro das competencias do Concello.

Tamén lembrou que, pese a que o goberno local anunciou ata sete plans de rehabilitación, non se executou ningún e aproveitou para lembrar o programa da Xunta de Galicia, que vén de anunciar a Xunta no que  ofrece ata 12.000 euros por vivenda a quen rehabilite inmobles e os destine ao alugueiro durante un mínimo de cinco anos. “Estas medidas poden contribuir a frear o abandono e recuperar o dinamismo no barrio”, indicou Candia.

Integración social: coidar o tecido humano do barrio

A directora xerente da Fundación FUNGA, Eloína Ingerto, puxo o foco na necesidade de recuperar o barrio e advertiu de que “hai que apostar por unha recuperación con rostro humano, non abonda con peonalizar rúas: hai que coidar o tecido social, asociativo, a identidade cultural do barrio, a seguridade, a diversidade, a vivenda, e atender ás persoas máis vulnerables.

Elena Candia recoñeceu que “hai que poñer ás persoas no centro”, e explicou que o PP defende un plan de inserción laboral tutorizada, así como políticas activas que protexan a diversidade e fomenten a convivencia.

A voceira popular concluía que o Partido Popular “quere ser parte da solución, con propostas serias, viables e baseadas no respecto á veciñanza e no compromiso co futuro do barrio”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios