O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou aos participantes no XI Maratón de Mus ‘Muralla de Lugo’, que se celebra hoxe no Círculo das Artes organizado pola asociación LugoMuseiros. A actividade conta coa colaboración da Administración galega.
No torneo participan máis de 200 persoas de Galicia e doutras comunidades españolas. Ademais de varios premios e trofeos, están en xogo prazas para o Campionato Galego de Mus, que se celebrará na Coruña en outubro, así como para o Campionato de España de parellas que este ano se desenvolverá en Ourense no mes de setembro.
Arias destacou que esta cita supón unha oportunidade para promocionar Lugo e a súa contorna entre os numerosos afeccionados ao mus que se achegan dende diferentes puntos do país para competir neste torneo, que volve demostrar o seu enorme poder de convocatoria.