O PSOE de Rianxo denuncia con toda claridade e firmeza o auténtico mercadeo institucional que está a practicar o goberno de Rianxo en Común nas obras de saneamento e abastecemento. Estamos ante unha xestión arbitraria, sen criterio técnico nin transparencia, que convirte o Concello nun mercado onde se regatean os dereitos da veciñanza en función da presión que cada colectivo poida exercer.
O que está a facer o goberno de Julián Bustelo é inaceptable: en determinadas aldeas executa as obras con fondos públicos e repara todo o firme da aldea, mentres noutras só tapa a gabia afectada, deixando o resto sen arranxar. Mentres tanto, a veciñanza recibe información confusa, cambiante e, por momentos, enganosa: primeiro comunícaselles un prezo elevado por conectar o servizo, logo vén a protesta veciñal e, de súpeto, o goberno rebáixao ou cambia as condicións. Dá a sensación de que o método do alcalde é lanzar primeiro unha cifra alta, por se cola, cola, e, se vén a queixa, rebaixala para aparentar flexibilidade, cando en realidade o que se está facendo é xogar coa boa fe da veciñanza. Todo isto sucede mentres outros veciños, a poucos metros, ven como se lles executa a obra na súa totalidade sen ter que pagar nada.
Esta forma de actuar fai que a veciñanza se sinta enganada, discriminada e utilizada, e provoca unha grave perda de confianza nas institucións. Non se pode permitir que os servizos básicos se negocien como se estivésemos nun mercado, dependendo da capacidade de presión ou do nivel de protesta de cada zona.
Resulta tamén indignante que, no caso da Devesa, en Asados, se estea producindo unha exclusión inexplicable. Durante as negociacións coas asociacións veciñais falábase claramente de actuar tanto na Devesa como na Marquesa. Agora, sen explicacións, a Devesa queda fóra, a pesar de ser unha das zonas con mellores condicións para levar a cabo a obra. O alcalde debe explicar por que se priorizan unhas zonas sobre outras e cal é o criterio real que está a aplicar o Concello, porque a día de hoxe todo apunta a decisións arbitrarias e opacas.
O correcto sería que estes proxectos de saneamento e abastecemento se financiasen de forma equitativa, aplicando as mesmas condicións en obras similares e evitando que unhas aldeas teñan que pagar máis mentres outras reciben as obras sen custo. Pero esta disparidade na forma de executar os mesmos proxectos dá moito que pensar sobre a decisión do alcalde e sobre os intereses reais que están detrás destas actuacións.
Desde o PSOE de Rianxo esiximos transparencia total, igualdade de trato e un modelo de xestión serio e rigoroso que garanta os servizos de saneamento e abastecemento en condicións xustas para toda a veciñanza, sen privilexios, sen discriminacións e sen xogos escuros que só xeran división e desconfianza. Semella que o Partido Popular sendo cómplice destas situación tratadas en Xunta de Goberno Local, o que provoca un claro menosprecio á veciñanza, ó non dispoñerer de igualdade de trato.