Os infantís do Santo Domingo conseguen o bronce no campionato galego

Excepcional temporada dos rapaces do J. Caamaño Arquitecto.

Queda aínda a Copa Xunta de Galicia, na que os de Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Gómez engancharán en cuartos, pero xa se pode dicir que a temporada do J. Caamaño Arquitecto Santo Domingo Betanzos vai quedar gravada na historia da canteira do club betanceiro. Terceiro posto na liga galega de Primeira División, tras vencer ao Basquet Coruña na mañá do domingo 11 por 66-79 e deixar as cifras finais na liga con 18 vitorias en 23 partidos. Mágoa a derrota na semifinal do sábado 10 fronte a Novobasket Vigo, nun encontro no que as eliminacións (ata tres xogadores do quinteto titular tiveron que deixar a pista nos momentos decisivos) acabaron por cimentar a remontada dos vigueses, que a falta de 7 minutos perdían por 9 puntos. Con todo, nada pode ensombrecer unha temporada na que a canteira do Santo volveu tratar de “ti a ti” ás canteiras de cidades como Vigo, Santiago ou A Coruña, cun posto que noutros anos chegou a dar o pase ao campionato de España e que na presente outorga unha meritoria cuarta vacante. Así, a xeración 2011 dos betanceiros consegue sumar outra marca na súa traxectoria: subcampionato benxamín 2021, quinto posto na liga galega alevín de 2022, cuarto posto na de 2023, cuarto posto en preinfantil e, desta volta,
terceiro posto na liga infantil. Poucos clubs de Galicia poden presumir de números parecidos.

Nova vitoria de La Goleta na fase de ascenso a Segunda División

Pero as boas noticias para o Santo non quedan na medalla dos infantís. La Goleta, o equipo sénior masculino de Terceira, sumou a terceira vitoria na Fase de ascenso a Segunda División fronte a Ledicia CB Redeiras, de Moaña, por 66-42, liderando así o grupo ao remate da primeira volta e dando un paso de xigante para o partido da semana que vén contra ADFRO que pode ser decisivo. Pola súa parte, o Grelo feminino conseguiu dar a volta ao -28 que traía de Boiro e conseguiu a 17a praza da Liga de Segunda División. Outras que seguen con paso firme cara os seus obxectivos son as mini de Coruña Interiores, que deron boa conta do CD Calasanz por 70-27 a mañá do domingo no Agra.

Os sénior de Segunda non puideron brindar unha vitoria no seu derradeiro partido na casa: 50-88 fronte CB Arteixo Duacode.

Comparte éste artículo
No hay comentarios