O Grupo Galego de Vivenda Colaborativa quere expresar o seu desacordo con que proxectos levados por Xestoras de Cooperativas poidan ser considerados como Vivenda Colaborativa.
Desde a empatía coas persoas afectadas polo sobrecusto na operación inmobiliaria que está a levar a cabo Galivivenda e desexando que coa colaboración das partes implicadas, tanto públicas como privadas, atopen unha pronta solución a súa problemática, queremos manifestar o noso desagrado polo emprego do nome de Vivenda Colaborativa para algo que claramente non o é.
En primeiro lugar non existe un grupo humano non empresarial ó fronte do proxecto se non unha xestora de cooperativas movida licitamente por un interese lucrativo e polo tanto a primeira premisa necesaria para poder falar de Vivenda Colaborativa que é a autoxestión do grupo tecnicamente acompañado que pilota todas as fases desde a ideación á construción e a convivencia non se cumpre. Existe lucro e a propiedade non está clara ata que punto é dos cooperativistas se non son estes quen toman as decisións.
En segundo lugar é evidente que a Xestora de este proxecto non pertence ao ecosistema colaborativo pola súa procura de lucro. A vivenda colaborativa parte como resposta da economía social e solidaria ante a necesidade humana de procurarse un fogar onde poder desenvolver un proxecto de vida en comunidade. Dicimos que é evidente posto que os xestores de Galivivenda non van residir en Xuxán e polo tanto non van formar parte de esa comunidade. Igualmente parece que tecnicamente empregaron as ferramentas propias das promocións cooperativas ao uso distintas das empregadas polas técnicas e técnicos que, pertencentes a este ecosistema, acompañan os proxectos. A intención de vida comunitaria e apoio mutuo tampouco parece cumprirse.
En terceiro lugar un alugueiro de 1000€ non é nin alcanzable nin inclusivo. Terceiro piar que non se cumpre.
En cuarto tampouco parece que a distancia xeográfica entre a radicación da Xestora e o edificio sexa a máis acaida para fomentar o compromiso coa contorna.
Resumindo. A novidade do modelo esta a xerar confusión sobre o que é e non é Vivenda Colaborativa. E non soamente iso se non que o descoñecemento das administracións esta facendo que na práctica as axudas estean sendo mal deseñadas permitindo a entrada de actores alleos ao mesmo con consecuencias humanas lamentables.
Por todo isto poñémonos o servizo das distintas administracións para avaliar e mellorar o feito e acadar a consolidación do modelo.
VIVENDA COOPERATIVA EN CESIÓN DE USO SEN ÁNIMO DE LUCRO CARACTERÍSTICAS BÁSICAS DO MODELO
- Non lucro e propiedade cooperativa
- Autopromoción e comunidade
- Vivenda accesible e inclusiva
- Corresponsabilidade coa contorna
- Crecemento e replicabilidade
(fonte: Grupo de Vivienda en REAS Red de Redes)