PP Lugo: “Arroxo volve a mentir no pleno e agocha o conflito laboral que castiga aos condutores dos autobuses urbanos”

O Grupo Municipal Popular denuncia que o tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade, Rubén Arroxo (BNG), faltou á verdade no pleno do mes de abril, cando afirmou que non tiña constancia oficial do conflito laboral entre a empresa concesionaria do transporte urbano e os condutores de autobuses. Ante esta afirmación, o PP esixe que pida desculpas públicas por mentir á cidadanía e por permitir que se acumulen débedas de horas extraordinarias sen intervir nin ofrecer solucións.

Durante aquela sesión plenaria, Arroxo respondeu literalmente: “O Concello non recibiu nada a este respecto e xa digo suposto problema porque non teño ningunha información oficial.”

A concelleira popular Mar Carballas explicou que “hoxe demostramos que iso non é certo e como proba a edil do PP compartiu un documento rexistrado no Concello dirixido ao tenente de alcalde no que se deixa constancia dunha reunión mantida o 28 de agosto de 2024 ás 10:00 horas entre representantes de CC.OO , delegados sindicais da empresa concesionaria e o propio Rubén Arroxo, en calidade de responsable da área de Mobilidade.

Este documento forma parte da información facilitada ao Grupo Popular nos encontros habituais cos sindicatos, que mantemos de forma regular para coñecer a realidade dos servizos municipais e facer seguimento da súa xestión.

No escrito, recóllese expresamente que se tratou:

  • A comunicación de servizos especiais por parte do Concello
  • A débeda en horas extraordinarias xerada por eses servizos
  • A falta de pagamento por parte da empresa aos condutores
  • A resolución da Inspección de Traballo, que cuantifica a débeda en máis de 97.000 euros en cotizacións á Seguridade Social
  • A interposición de 23 demandas xudiciais por parte de CC.OO., correspondentes ao ano 2023

Carballas demostra con esta documentación que «Rubén Arroxo estaba plenamente informado da situación cando a negou en pleno». A popular manifestou que “é gravísimo que un responsable político oculte esta realidade e mire para outro lado, especialmente cando pertence a un partido que presume de defender os dereitos laborais e nunca falta detrás dunha pancarta, a última vez o 1 de maio, día do traballador”.

“O que se demostra con esta documentación é claro: Rubén Arroxo mentiu conscientemente, ante toda a corporación e ante os lucenses. E iso é absolutamente inaceptable”.

A concelleira popular Mar Carballas esixiu que o tenente de alcalde: que pida desculpas públicas por faltar á verdade; que asuma responsabilidades políticas pola súa inacción e que medie con urxencia para que a empresa pague as horas extraordinarias de 2023 e as correspondentes a 2024, que previsiblemente suporán unha contía similar

Por último os populares afirman que “nós apostamos por servizos públicos de calidade e pola defensa real dos dereitos dos traballadores, non por utilizalos como arma política, como fai o BNG cando se trata doutras administracións”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios