Aprobáronse resolucións en defensa do galego, da igualdade, os colectivos LGTBI e a automoción e en contra do acoso e do proxecto de Altri en Palas de Rei, entre outras
1O 13.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia reelixiu a Amelia Pérez Álvarez como secretaria xeral para os vindeiros catro anos. Canda ela, formarán parte da Comisión Executiva as seguintes persoas: Antonio Millares Jorge, Maica Bouza Seoane, Armando Iglesias Rodríguez, María José García Barcia, Xesús Castro Baamonde, Leila Piñeiro Otero, Carlos Pérez Fernández, Yolanda Martínez Quintián e Óscar Cebeiro González.
Durante dous días —15 e 16 de maio—, 150 delegados e delegadas fixeron balance do traballo do último mandato e decidiron as liñas de actuación para os vindeiros anos. Ademais, elixiron a nova dirección, para a cal unicamente se presentou a lista encabezada por Amelia Pérez.
Primeiras palabras
As primeiras palabras de Amelia Pérez tras a súa reelección á fronte do sindicato foron para as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia de Ourense, que están a protagonizar unha «folga histórica». Ao respecto, a sindicalista criticou a actitude dunhas empresas que, ao mesmo tempo que teñen «cuantiosos beneficios», só queren aboar o salario mínimo.
Tamén se referiu ao sábado, Día das Letras Galegas, onde está convocada unha manifestación nacional en Santiago de Compostela. «Este sindicato manterá intacto o seu compromiso», advertiu, fronte a «eses ignorantes, imbéciles e escuros que desprezan a nosa lingua e dos cales fala o noso himno».
Por último, chamou a cultivar «a sororidade, a empatía, o traballo en equipo e a colaboración» para afrontar os retos de futuro. Uns desafíos ante os cales o sindicato sairá «á ofensiva», concluíu.
Resolucións
A este Congreso chegaron 26 propostas de resolución que, tras un proceso de unificación, quedaron en oito. Trataron cuestións como o acoso, o rexeitamento á fábrica de Altri, a defensa do sector da automoción, a importancia da loita sindical —vinculada á memoria histórica das CCOO—, a aposta sindical polo galego, o impulso á igualdade e o apoio aos colectivos LGTBI.
Todas as propostas foron aprobadas, como tamén o foi unha resolución xeral que abrangueu distintas cuestións, entre outras a defensa de varios servizos públicos —como a atención á dependencia, a sanidade ou a Corporación de Radio e Televisión de Galicia—, o combate á sinistralidade laboral ou o compromiso do sindicato pola paz.
Como é adoito, as resolucións aprobadas no 13.º Congreso Nacional serán publicadas proximamente no Portal de Transparencia do sindicato.