No marco dos actos de celebración do 25 aniversario da Liga gañada polo Dépor, a plataforma “O Mellor Que Me Pasou Na Vida” presenta un libro para que os seareiros branquiazuis poidan rememorar de novo aquela xesta.
O libro contén 25 capítulos e neles nárrase, paso a paso, como foi aquel histórico e inesquecible fin de semana para todos os deportivistas e coruñeses.
Para iso contouse con seis xogadores branquiazuis. Scaloni, Djalminha, Makaay, Donato, Fran e Dani Mallo relatan diferentes momentos daquel encontro contra o Espanyol e a posterior celebración. Augusto César Lendoiro e Siro López (xefe de prensa do club esa tempada) tamén participaron e, como os futbolistas, teñen o seu capítulo propio.
Seis xornalistas colaboraron cos seus propios relatos ou entrevistas. Nacho Carretero, Moncho Viña, Arturo Lezcano, Javier Guillén, Óscar Benito e Lis Franco homenaxean, describen, achegan datos e dan o seu punto de vista.
A afección tamén está representada. Catorce seareiros deportivistas achegaron os seus testemuños, incluíndo unha serie de relatos transxeneracionais que van desde o socio número un ata a particular visión do título dos deportivistas máis novos que aínda non naceran naquel momento.
Guillermo Novellis, cantante do grupo La Mosca, tamén puxo o seu gran de area concedendo unha entrevista onde revela detalles do boom que supuxo o famoso Yo te quiero dar. A Coruña e o deportivismo catapultaron a canción e, por iso, a banda arxentina tratará de devolver ese agarimo no concerto do sábado 24.
O volume inclúe un total de 17 fotografías, a maioría delas feitas por Mero Barral e Pedro Puig, ademais de varias portadas de xornais do 20 de maio do 2000.
O coordinador da redacción do libro foi Javier Guillén, mentres que Adrián Varela deseñou a cuberta e fixo a maquetaxe final. A obra foi autoeditada pola propia plataforma de afeccionados.
Cada exemplar terá un custo de 10 euros e poderase comprar o venres 23 no acto que se celebrará no Ágora e o sábado 24 na explanada de Riazor.