Tanxugueiras homenaxea ás pandeireteiras versionando “O Meu Amor” de Leilía con motivo do Día das Letras Galegas

Nun 17 de maio, Día das Letras Galegas, Tanxugueiras rende a súa persoal dedicatoria ás pandeireteiras e á poesía popular oral, homenaxeadas este ano. Así, reinterpretaron “Meu Amor”, canción de Leilía, unha das maiores referencias para o grupo e precursoras en normalizar e poñer o foco no uso de pandeiretas sobre un escenario. A elección do tema non é aleatoria, xa que é considerado como un dos temas máis influentes do xénero, sendo as súas intérpretes unha das culpables de que Tanxugueiras quixese dedicarse á música. O grupo dedica esta canción a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define.

A peza audiovisual que acompaña a esta versión é a representación da unión entre elas tres coa música tradicional, entrelazando as súas trenzas e acomodándose a unha sobre a outra para simbolizar esa comodidade e seguridade que senten ao estar acompañadas. O espazo diáfano e frío contrasta coa calidez das súas voces, non sendo preciso máis para encher grandes lugares.

Nas súas propias palabras: “O vídeo significa que hai algo que nos une entre nós as tres, que é a tradición, a música tradicional, a nosa cultura, e non hai nada máis tradicional que un “carrapito”, nome que se outorga a esa trenza que se pode ver nas imaxes. Neste caso, quixémonos entrelazar entre nós para simbolizar esa unión e ese vínculo pola música tradicional. Ademais, o acto de coller as trenzas e ir buscando un sitio no colo da compañeira significa buscar un espazo na outra para descansar, que moitas veces é xusto o que precisamos. En definitiva, un sitio seguro que normalmente nos da a nosa xente, para poder durmir, descansar e pasar todos os males aí”.

O vídeo, obra de Trece Amarillo, foi rodado en Expo Coruña, espazo que colaborou para a gravación da peza. A execución da mesma desenvólvese nun único plano secuencia que xira ao redor de Tanxugueiras. Visualmente buscouse dar protagonismo a elas tres sen perder de vista o espazo que as rodea, un lugar amplo e simétrico que reafirma a forza e o simbolismo da súa presenza en plano. A posta en escena, sinxela pero coidada, potencia a conexión entre elas dentro dunha contorna case baleira, xerando un contraste visual no que se lles ve pequenas, pero xuntas e unidas nesa inmensidade.

O vídeo conta coa dirección de movemento a cargo do coreógrafo Arnau Pérez, que introduciu movementos coreografiados que buscan transmitir á peza a delicadeza e o coidado co que o grupo trata a tradición, emitindo un impacto visual que visibilice a súa unión e os coidados dunhas a outras, valores que o grupo extrae da súa experiencia neste eido.

Real Academia Galega acordou dedicar o Día de las Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Con esta elección a RAG quere recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.

MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…

Tanxugueiras é o grupo que está a desafiar e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle unha nova vida. O grupo galego abriu de cheo as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, cultivando éxitos, recoñecementos e gran visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folcloree dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.

No seu haber contan con concertos masivos e históricos como o do Coliseum da Coruña, sendo o primeiro grupo en galego en alcanzar o fito de facer sold out no maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado. Tamén os celebrados no Auditorio de Castrelos (40.000 asistentes) ou o da praia de Riazor no Festival Noroeste (80.000 persoas), considerado un dos concertos máis multitudinarios da historia dun grupo galego en Galicia. O seu éxito transcende a música en directo, cun álbum, «Diluvio», que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e que alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento.

O lanzamento de «Pedindo Perdón» ou as súas colaboracións xunto a Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ marcaron esta última etapa na que o grupo expandiu a súa influencia a novos fitos, entre os que destacan a súa participación na Velada del Año, do recoñecido streamer Ibai, ante un Santiago Bernabéu cheo e millóns de espectadores na retransmisión en vivo; ou a interpretación do himno galego no estadio de Balaídos durante a volta tras case unha década da selección galega de fútbol. Desta forma, o grupo encara un ano no que esperan seguir facendo historia para a música de raíz e as linguas oficiais.

Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado e esta mesma semana publicaron «Ghatiña Mansa», tema en colaboración co dúo galego Caamaño&Ameixeiras, O seu novo directo, englobado baixo a xira AntesD, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata o de agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal. Neste 2025 pechan a súa xira cos últimos concertos que as levarán de novo por toda a Península, mostrando a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e directos:

Comparte éste artículo
No hay comentarios