Ante a utilización do apagón como nova escusa para non reiniciar a produción, o BNG demanda actuacións que permitan cumprir os compromisos adquiridos por Alcoa.
A O Bloque Nacionalista Galego reclamará ao Goberno do Estado actuacións urxentes que garantan a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo na planta de Alcoa en San Cibrao. Faino tras as últimas comunicacións da empresa ao persoal, nas que utiliza como nova escusa orecente apagón eléctrico para sementar incerteza sobre o reinicio da produción e o futuro da factoría.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, preguntará ao executivo do Estado na Comisión de Industria da cámara baixa “que accións iniciará o Goberno para asegurar o mantemento da actividade e do emprego en San Cibrao, ante a recente comunicación de Alcoa aos traballadores e traballadoras en que, utilizando como pretexto o apagón, sementa dúbidas sobre a continuidade da factoría na Mariña, especialmente, despois de que o Ministerio asinou un Memorando de Entendemento secreto coa compañía?”
Rego critica que Alcoa continúe acumulando pretextos para non cumprir cos compromisos adquiridos, e que o Goberno do Estado manteña unha actitude permisiva e opaca. “É inaceptábel que o Ministerio de Industria actúe como cómplice dunha estratexia que parece encamiñada a fechar a planta, igual que xa aconteceu na Coruña e Avilés. Hai un Memorando de Entendemento asinado entre a empresa, o Ministerio e a Xunta, que non é público e que o comité de empresa descoñece, mais xa se percibe que non garante nin os investimentos previstos nin o futuro da fábrica” denuncia.
O BNG advirte de que a utilización do apagón como escusa para atrasar ou anular o reinicio da produción forma parte dunha manobra deliberada da empresa, que leva anos amagando con fechar e que se aínda non o fixo foi pola presión sindical, social e política. “Como, infelizmente, xa existen os precedentes da Coruña e Avilés, os gobernos deben estar vixiantes para evitar calquera tentativa de desmantelamento” alerta o deputado.
Existen solucións, falta vontade política
A formación nacionalista insiste en que existen alternativas reais para garantir a subministración eléctrica á planta mentres non se materializan os contratos de enerxía a longo prazo (PPAs). “Galiza exporta máis de 40% da electricidade que produce. Hai enerxía suficiente. O que falta é vontade política para obrigar a Alcoa a cumprir” subliña Rego.
O BNG demanda que o executivo obrigue a empresa a realizar os investimentos comprometidos, en especial a construción do forno de ánodos, clave para a continuidade da actividade. Ademais, propón mecanismos como a concesión de créditos reembolsábeis para asegurar que eses investimentos se executen.
A intervención pública debe estar enriba da mesa
Finalmente, Rego lembra que a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) debe estar preparada para intervir a planta se Alcoa persiste na súa actitude. “O Goberno non pode seguir de brazos cruzados. Ten que actuar con decisión e poñer os intereses da industria e do emprego por riba dos da multinacional. Se Alcoa non quere producir, que o diga, e que deixe paso a quen si queira facelo. Sempre hai unha opción: a intervención pública” sentenza o deputado nacionalista.