Ana Pontón pídelle a Alfonso Rueda que garanta que as 244 vivendas de Xuxán sexan realmente de alugueiro social como prometeu a Xunta

D A portavoz nacional, Ana Pontón, exixiu a Alfonso Rueda que garanta que as 244 vivendas no barrio coruñés de Xuxán construídas en solo cedido pola Xunta «sexan o que realmente anunciou, alugueiro social» para garantir ás persoas con menos recursos «algo tan básico e tan importante como é o dereito á vivenda».

Pontón criticou en rolda de prensa a «propaganda» dun Executivo do PP que hai un ano anunciaba alugueiros sociais en Xuxán que pasaron a ser vivendas con rendas de 975 euros ao mes. «O señor Rueda debe ter a síndrome do coche oficial porque só desde unha total desconexión da realidade se pode pensar que pagar 1.000 euros ao mes por un alugueiro é alugueiro social», recriminou.

Por iso, pediu ao titular da Xunta que «dea a cara e dea explicacións», en primeiro lugar polo feito de que hoxe haxa na Coruña «miles de persoas que se senten estafadas e enganadas por parte dun Goberno do Partido Popular que anunciou 244 vivendas de alugueiro social que resultaron ser pura propaganda».

A líder nacionalista recordou que das 6.000 persoas que inicialmente se interesaron por estas vivendas, «a inmensa maioría botouse atrás» tras coñecer as condicións reais, dado que eran inasumibles para o seu nivel de ingresos. «É obvio que algo se está facendo mal cando se anuncian miles de vivendas como vivendas de alugueiro social e as persoas que máis as necesitan non poden acceder a elas e quedan excluídas», apuntou.

Neste sentido, tamén pediu a Rueda que explique cales son os controis da Xunta para garantir que o modelo de cesión de solo público a promotores privados funcione e non remata prexudicando ás persoas e ás familias que esperan unha vivenda protexida, sobre todo, cando o Executivo do PP considera que ese modelo é clave para aumentar o parque de vivenda protexida.

«Dende logo, até agora non parece que a Xunta teña unha normativa e un control que garanten o alugueiro social que promete porque vemos como, por un lado, están os anuncios e, por outro, a realidade», reflexionou, para repasar a continuación o acontecido con estas 244 vivendas en Xuxán.

Pontón recordou que o Goberno do PP anunciara no seu día a construción de 1.600 vivendas protexidas neste barrio coruñés, incluídas estas 244 que, en marzo de 2024, presentou «a bombo e prato» como alugueiro social a 50 anos a través da promotora Galivivienda, á que a Xunta lle cedía catro parcelas e lle concedía unha subvención de 10,8 millóns de euros.

O prazo de entrega avanzado era o ano 2026 e o prezo máximo do alugueiro situábase daquela nos 4,85 euros metro cadrado, é dicir, aproximadamente 475 euros ao mes por un piso de 80 metros cadrados con garaxe e rocho.

«A realidade é que, pese a que as vivendas estaban previstas para 2026, a día de hoxe non se puxo nin un só ladrillo, que os supostos alugueiros sociais pasaron a ser rendas de 1.000 euros ao mes, que a promotora anuncia cambios nas condicións de uso e que vemos acusacións cruzadas entre diferentes administracións», resumiu a portavoz nacional para evidenciar os anuncios propagandísticos do Goberno de Rueda.

Neste contexto, emprazou ao presidente do Executivo a explicar que medidas de control dispón para garantir o bo funcionamento dese modelo de cesión de solo público, o cumprimento dos prazos de construción desas vivendas, que seguimento está facendo para que teñan realmente condición de alugueiro social ou que medidas adoptou para asegurar que a promotora á que se lle concederon os terreos e unha subvención de case 11 millóns ten a solvencia e a capacidade necesarias.

«Rueda ten que deixar de poñerse de perfil e de tirar balóns fóra facendo o que mellor se lle dá que é buscar culpables en lugar de buscar solucións», reclamou Pontón, quen reprochou ao Goberno do PP que, tras 16 anos «dinamitando a política social de vivenda», siga favorecendo «a especulación por riba do dereito á vivenda».

Por iso, argumentou, o titular do Executivo négase a limitar o prezo dos alugueiros e declarar zonas tensionadas, mantén centos de vivendas turísticas ilegais no rexistro oficial da Xunta, aproba rebaixas fiscais para que os fondos voitre e as grandes construtoras poñan no mercado vivenda en alugueiro «ao prezo que lles pete» e, agora, «fai anuncios fraudulentos e enganosos», denunciou, prometendo «alugueiros sociais e xogando coas expectativas e coa ilusión de miles de persoas». «Así é como entende o señor Rueda a política social de vivenda e isto é intolerable», sintetizou.

Deplorable e inmoral a posición do PP no festival de Eurovisión

Por outra banda, a líder nacionalista referiuse á posición do PP esta fin de semana sobre o festival de Eurovisión, coa que, dixo, «sobrepasou todas as liñas vermellas da decencia e da humanidade». «É deplorable e inmoral ver a dirixentes do Partido Popular como a señora Ayuso dicindo que condenar o xenocidio do pobo Palestino e o Estado criminal de Israel é un numerito«, recriminou, para poñer de manifesto como «o Partido Popular, en lugar de poñerse do lado das vítimas, alenta aos agresores».

Pontón criticou a Núñez Feijóo por permanecer «calado mirando para outro lado» e Rueda por ser «incapaz de dicir algo tan simple como que condenar o masacre dun pobo non é ningún numerito, senón a mínima expresión da decencia moral e política».

«Lamentablemente, estamos ante o Partido Popular máis ultra de todos os tempos e ante un PP que, lonxe de condenar un xenocidio, o que fai é alentar precisamente o Estado criminal de Israel», advertiu para recalcar que o BNG, ao igual que a inmensa maioría dos galegos e das galegas, está «do lado da defensa dos dereitos humanos, da humanidade e do pobo palestino, que ten dereito a vivir en paz na súa terra», concluíu.  

Comparte éste artículo
No hay comentarios