Os betanceiros, que gañaron a ADFRO, retrasan o ascenso matemático pola vitoria do San Cibrao.
Partido duro o que disputou La Goleta Santo Domingo Betanzos na tarde deste domingo. Visitaba O Carregal o ADFRO La Tabarra, o seu inmediato perseguidor no Grupo A da Fase de Ascenso, sen máis opcións ca as de gañar para seguir vivo, e iso, sumado ás baixas de Sergio Gómez, Luke Gibson e os irmáns Espiñeira polo equipo local, acabou por debuxar un escenario menos tranquilizador do que se antollaba nun principio.
Boa proba do dito foi ese 1Q, no que as defensas superaron sobradamente os ataques, e que rematou cun cativo 12-10 para os de Betanzos. Con todo, as cousas melloraron nos seguintes minutos, e dous parciais de 16-8 e 14-12, situaron o equipo local cun 42-30 a falta dos últimos 10 minutos, que, para angustia dos seareiros, se fixeron longos de máis despois de que dous tiros libre anotados situasen un 52-35 co que parecía estar todo o “peixe vendido”. A partir de aí seca anotadora e un rival que chegou a situarse a 3 puntos a pouco do remate. Porén, souberon rematar a faena os de Betanzos: 61-56 final que estivo a piques de supor xa o primeiro posto matemático do grupo, se non fose pola vitoria -tras prórroga- do San Cibrao fronte a Redeiras de Moaña por 64-58, resultado que obriga a esperar á semana vindeira para certificar o ascenso e
compensar así o descenso do equipo filial.
Primeiras vitorias en Copa
No que toca á canteira, a fin de semana deixou atrás a primeira xornada de copa para varios equipos do club. As cadetes de Decornaveira venceron por 45-25 a Arteixo no primeiro partido de oitavos da Copa Premium, os cadetes Rojo atrasaron o seu partido contra Xiria para este luns, e os infantís de Primeira División, os J. Caamaño Arquitecto, estreáronse nos cuartos da Copa Xunta de Galicia cun importante 61-85 en Pontevedra contra Boa Vila Basket.
As mini de Coruña Interiores seguen o seu imparable camiño, sumando a cuarta vitoria en catro partidos no grupo previo á Fase Final de Segunda División a celebrar na Estrada: 12-63 contra Compañía de María B.