Hoxe, luns 19 de maio, estrease o video lyric, creado por María Maquieira na canle de Youtube da artista ás 20 horas: Na Sombra. Video Lyric
Danza Luz é o novo proxecto discográfico de Leticia Rey, que se deu a coñecer tras gañar o concurso musical para talentos galegos de Estudios Mans, da Fundación Paideia, en 2020. Os focos apuntaron a ela polo excepcional talento para cantar e compoñer. Froito do premio editou un primeiro EP acústico, exclusivamente con guitarra e voz titulado Leticia Rey. Chegaron os primeiros concertos en festivais como o Sinsal na Illa de San Simón ou no Salón Teatro de Compostela.![]()
Tras asinar contrato coa empresa Dezdedez, Leticia prepara o seu primeiro traballo de longa duración xa cunha banda de artistas de longa traxectoria. En 2022, chega ese disco: Lux. Rexistrado nun directo da banda sen que eles soubesen que se estaba a gravar por pistas, acabou sendo a súa carta de presentación para un público que descubría con ledicía que o jazz e o soul, na maioría dos temas en inglés, tamén estaban na paleta artística da artista de Vila de Cruces, xa afincada na Coruña para poder acudir a clases de canto de xeito regular e ensaiar coa súa banda. Lux agochaba unha sorpresa en forma de Bonus Track: a canción Baleiro, a primeira composición en galego de Leticia. Ela sabía que non sería a última e quería deixar unha pista nese primeiro disco, xa esgotado, de por onde estaban a agromar novas composicións.
A xira de presentación de Lux está sendo unha marabilla sonora. Non se dá por pechada esa etapa próxima aos sons americanos (ela é filóloga inglesa) xa que este verán ainda poderán verse concertos con ese repertorio; no concello de Ortigueira, por poñer un exemplo. Máis a súa mente creativa foi voando cara a novas sonoridades e motivos de inspiración. Así comeza a medrar Danza Luz, un proceso creativo sobre as sombras internas e externas coas que convivimos os seres humanos en moitas ocasións. O EP do que este sábado 17 de maio, día exacto no que Leticia fai os 30 anos, deuse a coñecer o primeiro single titulado Na Sombra é froito de moitas horas de reflexión, de búsqueda da identidade, de comprensión de que nos rodea e de catarse interna para a autora.
Cando as pezas xa están prácticamente rematadas, confía a dirección musical no virtuoso do teclado Iago Mouriño, xa teclista e pianista en Lux. O músico de Lalín fai súas as composicións e convida a outros dos grandes músicos de longa traxectoria ao proxecto. Benxamín Otero, de Lalín e con longa traxectoria creativa e acompañando a moitos músicos que tocará diversos instrumentos de vento no espectáculo que preparan. Entre eles o corno inglés, protagonista neste primeiro single Na Sombra. Completouse a formación con Vadim Yukhnevich, acordionista e compositor bielorruso que leva moitos anos vivindo e actuando en múltiples proxectos en Galicia.
O proxecto Danza Luz está implicando un proceso longo e minucioso antes de chegar aos escenarios. Implica un grande equipo de profesionais, moitas delas mulleres que se están implicando ao máximo nesta aventura artística. Dende o deseño de vestiario de Viveka Goyanes, o deseño de padróns e creación das diversas pezas de vestiario de Elvira Saldaña, as clases de danza e movemento escénico de Estefi Gómez, as fotografías son de Gosia Trebacz e toda a arte gráfica do disco que está previsto para setembro será de María Maquieira. Contamos tamén con Jose García como enxeñeiro de son da gravación e con Arturo Vaquero na masterización das cancións, nos Estudios Abrigueiro de Friol. Son moitas mentes creativas remando a prol do resultado final.Este primeiro single, Na Sombra, é unha fermosa oda ao que lle suxiren as sombras da vida a Leticia Rey. Un xeito de autocoñecemento a través da música.