Alejandro Jato estrea a súa primeira curtametraxe como director, Curmán, no Festival de Cans

O actor galego Alejandro Jato presenta a súa primeira curtametraxe como director, Curmán, que terá a súa estrea oficial o 24 de maio no Festival de Cans, un dos certames cinematográficos máis singulares e queridos de Galicia. Con este traballo, Jato lánzase por vez primeira á dirección, abrindo unha nova etapa na súa traxectoria artística.

Na televisión protagonizou a serie Camilo Superstar e participou noutras ficcións como HIT (TVE), Servir y proteger (TVE) e Serramoura (TVG). Ademais, rodou recentemente a longametraxe La tregua, dirixida por Miguel Ángel Vivas, pendente de estrea.

Curmán conta a historia de Antón, un neno que viaxa á aldea dos seus avós para recibir a súa primeira comuñón. Durante a celebración coa familia, comeza a formarse nel unha nova maneira de ver o mundo, que o levará a vivir unha experiencia que marcará para sempre a súa vida, como individuo, como curmán e como fillo de Deus. Cunha ollada íntima e simbólica, a curtametraxe afonda en temas como a identidade, a espiritualidade e o descubrimento persoal e sexual.

Producida por Mala Herba Producións e Alejandro Jato, Curmán conta coa dirección de fotografía de Alicia Francés e música orixinal de Nico Casal. O elenco inclúe a Xurxo Cuquejo, Brais Sixto, Melania Cruz, Denís Gómez, Susana Sampedro e Machi Salgado.

A estrea terá lugar o venres 24 de maio no marco do Festival de Cans, arrodeado de xente que se achega a gozar dun festival tan enraizado na tradición e que tanto achega á comarca.

Comparte éste artículo
No hay comentarios