Esta mañá presentouse a asociación Atlántica Impulsa que aglutina a organizadores e provedores de eventos culturais, sociais, deportivos e congresos co obxectivo de “prestixiar” a industria e dar visibilidade ás empresas que conforman este sector en Galicia.
A entidade de nova creación quere crear oportunidades de negocio entre os seus membros e un espazo común onde compartir experiencias e coñecemento. “Somos un sector transversal cunha enorme potencialidade económica e temos que poñernos no mapa e reivindicarnos como tal”, incide o seu presidente, David Suárez.
“A nosa idea é presentar a final de ano os datos de facturación global dos eventos e provedores; impacto en turismo, emprego directo e indirecto, e impacto económico en xeral na nosa economía. Temos que ter en conta que cada ano os eventos galegos xeran máis de 50.000 pernoctas na comunidade e, polo tanto, o sector debe posicionarse como o que é: un sector estratéxico”, subraya Suárez.
Neste sentido, a asociación incide no seu impacto no PIB e na “capacidade de xerar negocio dunha industria que ten que facerse forte para poder continuar crecendo”.
Representantes de Navalia, O Marisquiño, Attica21, Hotel Nagari, Hotel Bahía, Galiaza Azafatas, Magma Sports, Desafío Boot Camp, Grupo CdeC, Carreira Praia de Samil, Galicia Sportech Congress, Amura, Modiña Summit, BTT Tierras de Turonio, BTT Transgalaica, Mocalva, Feelant, LA21 Media Maratón de Vigo, Empresarias Galicia ou AHOSVI asistiron ao acto.