O BNG reclama accións urxentes do goberno do Estado ante “o abandono das conexións ferroviarias de Lugo”

Rubén Arroxo afirmou que «este mes celebramos o 150 aniversario da chegada do tren a Lugo, e vemos como a día de hoxe, a infraestructura ferroviaria é a mesma que existía no século XIX».

O BNG de Lugo anunciou unha batería de propostas nas distintas institucións onde ten representación para reclamar ao Goberno do Estado «un compromiso real coas conexións ferroviarias de Lugo». O responsábel local da formación, Antón Bao, aifrmou que este é «un asunto que preocupa aos lucenses e, como non, ao BNG, vemos como o Goberno vén de aprazar de novo a conexión de Lugo co AVE, o que xa parece un desistimento a que Lugo conte con alta velocidade ferroviaria», afirmou Bao, que engadiu «desde o Bloque Nacionalista Galego volvemos, e imos seguir, evidentemente, facendo todos os esforzos, traballando con todas as nosas armas no Congreso dos Deputados, no Parlamento galego, en Lugo, con todas as armas políticas que temos para continuar reivindicando que Lugo estea ben conectada por tren».

O responsábel local do BNG lembrou que o pasado outubro o Ministro de Transportes anunciou Lugo ía estar conectada por AVE en breve. «Agora recibimos a noticia contraria, Lugo vai ter que seguir esperando pola alta velocidade». Antón Bao criticou a postura do Partido Popular «reivindicando algo que eles tiveron na súa man realizar e para o que non moveron un dedo cando gobernaron no estado».

Antón Bao afirmou que os avances dados nos últimos anos foron conseguidos polo único deputado do BNG no Congreso, quen conseguiu o estudo de viabilidade para conectar Lugo con Compostela, «non son todos os pasos que quixeramos pero dase algún paso». «Gañamos un cero ao resto de deputados galegos, e sobre todo lucenses, do Partido Popular e do Partido Socialista. Cun único deputado, o BNG pide compromiso político por parte daqueles que se din defender a Lugo pero despois na realidade non fan nada», afirmou Bao.

Pola súa banda, o Portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, destacou que nesta semana celébrase o 150 aniversario da chegada do tren a Lugo, no ano 1875. «Nestes 150 anos os cambios tampouco foron moi chamativos, de feito, gran parte da vía ferroviaria que existe a día de hoxe é a mesma que existía no século XIX», afirmou Arroxo, que fixo balance dos avances conseguidos polo BNG en materia ferroviaria desde o ano 2020, co deputado Néstor Rego defendendo o ferrocarril de Lugo. «Conseguiuse que se levasen adiante as obras de modernización da vía no treito Ourense-Monforte-Lugo, obras que están avanzando grazas a que se conseguiu precisamente nese acordo de investidura». Posteriormente, no ano 2023, o BNG conseguiu o estudo de viabilidade da unión de Lugo con Santiago de Compostela, «que é o primeiro paso para facer esa variante entre Curtis e Ordes que una por fin Lugo coa capital de Galiza».

«O que estamos a ver xusto neste momento, no que se cumpre o 150 aniversario, é que si que hai certas obras nas que se avanza, que dependen, por certo, da modernización Lugo-Coruña, que está acordada e é moi importante para que poida haber trens a velocidades dignas, pero o que estamos vendo é que non se recuperan os servizos que foron retirados», dixo Arroxo, que criticou que «incluso se anunciou que se pdoerían retirar algúns servizos».

Rubén Arroxo anunciou que desde o BNG «imos seguir reivindicando esta situación e vanse presentar iniciativas no Congreso dos Deputados para que primeiramente se recuperen as liñas existentes, dado que algunhas das que se retiraron xa no confinamento xa non volveron, e para que se aumenten os servizos, porque é importante que se fagan infraestruturas, pero as infraestruturas teñen que ir en paralelo á creación.

«O BNG leva moitos anos pelexando polo ferrocarril, lembremos aquelas campañas de Lugo quere tren nas que houbo mobilizacións e centos de lucenses saíron á rúa convocados polo BNG, porque non queremos ser a única cidade galega que queda illada», afirmou Arroxo, que engadiu «Imos seguir loitando porque cremos que isto é estratéxico para a cidade: unha das cuestións máis estratéxicas para que unha cidade se poida desenvolver economicamente é que teña boas comunicacións, e por tanto, Lugo non pode quedar atrás».

Comparte éste artículo
No hay comentarios