O senador por Lugo, José Manuel Balseiro, cre que “o BNG debería pedir perdón aos lucenses en lugar de pedir explicacións aos senadores do Partido Popular” á vista de que “a representante do BNG no Senado non asistiu no último ano a ningún dos debates sobre infraestruturas e servizos ferroviarios relacionados coa provincia de Lugo”.
O popular afeou que “pretendan enganar aos lucenses” cando o BNG apoia a Sánchez e ao seu Goberno que mantén illada á provincia de Lugo en materia de infraestruturas tanto viarias como ferroviarias e, aínda por riba, nin sequera asiste aos debates sobre os servizos ferroviarios para Lugo no Senado”.
Balseiro subliña que “mentres os representantes do Partido Popular presentamos iniciativas e defendemos o que consideramos xusto para a nosa provincia, os representantes do BNG non poden dicir o mesmo”.
Os populares levan tempo reivindicando que a provincia de Lugo estea no mapa das infraestruturas ferroviarias do Goberno de Sánchez. “Lugo é a irmá pobre en materia ferroviaria e dende o PP o que defendemos para os lucenses é non ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”, dixo o senador.
Esta mesma semana o Senado aprobaba unha iniciativa do Partido Popular grazas ao apoio da maioría coa que conta na Cámara Alta. “O PSOE non só se abstivo, senón que nin sequera foi o representante lucense no Senado o encargado de defender a postura do seu partido e o BNG nin asistiu” para demandarlle ao Goberno de España:
1.- Comprometer investimentos para a mellora de infraestruturas viarias e ferroviarias na provincia de Lugo de forma equiparable ás outras tres provincias galegas para garantir as súas comunicacións, a súa competitividade e o seu desenvolvemento.
2.- Especificar a relación de obras que se van a levar a cabo en Galicia e o horizonte temporal da súa finalización, en relación co proxecto de Corredor Atlántico Ferroviario.
3.- Nomear, con carácter urxente, o interlocutor con Renfe comprometido fai meses para informar á Xunta de Galicia das incidencias e avances en infraestruturas ferroviarias.
4.- Acelerar os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal.