Galicia, paixón polo fútbol… e celtista por un día

@gonzalogsoto

No tapiz da identidade galega, o fútbol ocupa un lugar singular. Para moitos, é máis ca un deporte; é un fío condutor que nos une, un motivo de orgullo que transcende rivalidades. Como deportivista ata a medula, e con ramallazos celtistas, do CD Lugo, do Pontevedra, do Racing de Ferrol, sostiven esta convicción dende que teño uso de razón. Nada me interesan as voces daqueles que, presumindo de galegos, sitúan a súa paixón polo Madrid ou polo Barcelona por riba dos nosos equipos galegos. Non me importan as críticas de quen non ven máis alá da punta do nariz; sempre fun independente e serei así ata o caixón branco e azul.

É certo que, lamentablemente, está de moda avivar chamas políticas arredor dos equipos do norte ou do sur. Lembro os «cornos» de Paco Vázquez ao Celta, que tantos réditos electorais lle reportaron, ou a Leri insultando ao Deportivo para arañar votos coa mesma sinerxía, o máis recente, o mesmo Abel Caballero denostando ao RC Deportivo. ¡Que ben lle veu o «agasallo» do Celta a Inés Rey, para ser «raíña mediática por un día»! Se hoxe escribise contra o Celta poñendo en solfa o partido contra o Xetafe, incidindo en que «oxalá perda o Celta», moitos aplaudirían, pero faltaría aos meus valores, porque para min, por riba deste ou doutro color, está a miña terra glauca e os equipos que a representan.

Pero a realidade que vivín é outra, moito máis enriquecedora. Cando o Deportivo acadaba triunfos, os primeiros en chamarme para celebralo eran os meus amigos de Vigo, que son lexión. Fun a Balaídos por motivos profesionais e cantei goles do Deportivo sen que ninguén me cuspira. É máis, baixando as escaleiras co meu compadre Carlos Muiños, varios afeccionados dicíannos: «¡Vaya equipazo tenéis!».

O sábado serei, como galego, celtista

Este sábado, todos os ollos de Galicia, ou polo menos os de moitos afeccionados, estarán postos no Coliseum de Xetafe. O Celta de Vigo xógase moito; se gaña, entra na Europa League. E como afeccionado galego, o meu desexo é claro: ver a un equipo da nosa terra en Europa a próxima tempada. Se perde, pode quedar sen entrar en Europa, se Osasuna e o Raio Vallecano gañan os seus partidos. Ao Celta só lle vale gañar e gañar para tranquilidade de todos.

Que ninguén se confunda, isto non lle resta nin unha miga de paixón ao RC Deportivo. O meu corazón branquiazul segue latexando coa mesma forza, e a rivalidade é parte do fútbol, si, pero tamén o é o orgullo polo noso. Ver ao Celta nunha competición europea sería un triunfo para o fútbol galego no seu conxunto.

Sentireime orgulloso como galego ao ver a un club levando o nome de Galicia por Europa. É unha cuestión de dignidade recoñecer o esforzo e o éxito dun veciño. Porque ao final, máis alá das cores, o que nos une a todos é a paixón polo fútbol e é moito máis grande o noso sentimento galeguista.

O sábado, sen deixar de ser deportivista, serei celtista. Hala Celta, a por a Europa League!

Comparte éste artículo
No hay comentarios