O BNG defende que o antigo cárcere da Coruña sexa recoñecido como Lugar de Memoria Histórica polo seu pasado como importante escenario da represión franquista.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar no Congreso unha nova iniciativa dirixida ao Goberno do Estado para reclamar actuacións inmediatas de conservación e rehabilitación do antigo cárcere da Coruña, en situación de total abandono desde hai anos. A iniciativa tamén formula a reclamación social de converter o espazo en Lugar de Memoria Histórica e exixe a súa cesión gratuíta ao Concello da Coruña.
“A situación do vello cárcere é absolutamente inaceptábel. Estamos a falar dun inmóbel cun enorme valor simbólico e histórico para a cidade e para a memoria democrática. O Goberno do Estado non pode seguir a ignorar as súas responsabilidades, mentres o edificio continúa se deteriorar” denuncia Rego.
O deputado nacionalista lembra que o inmóbel, cunha superficie de case trece mil metros cadrados e situado nas proximidades da Torre de Hércules –declarada Patrimonio da Humanidade–, está catalogado como ben protexido no plan xeral e leva abandonado desde que en 2009 deixou de funcionar como centro de inserción social. Desde entón, Interior non executou ningún tipo de intervención para garantir a súa conservación.
Na iniciativa parlamentar, o BNG reclama, máis unha vez, que o Ministerio abandone a vía xudicial aberta contra o Concello da Coruña e opte pola negociación para a cesión gratuíta do inmóbel, tal como corresponde á luz de documentación histórica revelada en 2013 que demostra que a parcela foi cedida polo Concello co compromiso de reverter á cidade unha vez cesase o seu uso penitenciario.
“Resulta paradoxal que o Goberno argumente que a lexislación non permite a cesión gratuíta, cando si se realizaron operacións semellantes noutros lugares do Estado, como en Zamora ou Granada. Iso evidencia unha clara falta de vontade política” critica Rego, quen acusa o Executivo de “antepor intereses económicos ao interese público e ao dereito da cidade da Coruña a recuperar un espazo que lle pertence”.
Escenario da represión franquista durante a ditadura
Ademais, o BNG solicita que o cárcere sexa recoñecido como Lugar de Memoria Histórica, dado o seu pasado como escenario da represión franquista. Numerosas entidades culturais e memorialistas teñen solicitado este recoñecemento e o impulso dun proxecto de rehabilitación que permita pór o inmóbel ao servizo da cidadanía, como espazo de lembranza.
“O antigo penal é un símbolo da represión franquista na Galiza e un espazo que debe ser recuperado para o pobo. O movemento memorialista leva anos reclamando a súa protección e posta en valor. O Goberno debe escoitar esas voces e actuar en consecuencia” conclúe Rego.