O PP de Lugo denuncia a “defunción certificada” da Escola Municipal de Música polo Goberno de PSOE/BNG

O concelleiro popular Javier Vázquez explicou que o que está pasando coa Escola Municipal de Música é unha vergoña. Hoxe o goberno local confirmou, nunha resposta a preguntas formuladas polo PP en Comisión, que non se vai abrir o prazo de matrícula, o que na práctica supón certificar a súa defunción.

Os populares aseguran que «estamos ante outro paso máis no desmantelamento da vida cultural municipal: primeiro foi a Banda de Música, e agora é a Escola. Todo o que tocan, estráganno«

Dende o Grupo Popular lembran que, ademais, os músicos municipais levan anos agardando a actualización da súa situación profesional na RPT, un recoñecemento ao nivel que lles corresponde e que foi comprometido polo propio Goberno sen que, ata o de agora, se teña materializado.

Vázquez denuncia tamén a pasividade e contradición interna entre PSOE e BNG, xa que «Cultura di que é responsabilidade de Persoal, e Persoal que é de Cultura. Mentres tanto, a realidade é que a música desaparece da estrutura municipal.»

«Lugo non merece un goberno que fuxe das súas responsabilidades e abandona a cultura. Para nós, a música é parte do patrimonio vivo da cidade, un instrumento de cohesión social e formación que non pode desaparecer por desinterese político.»

O Grupo Popular anuncia que continuará fiscalizando esta situación e reclamando medidas urxentes para garantir a continuidade da Escola e o respecto profesional ao cadro de músicos municipais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios