O martes realizarase o sorteo automático para outorgar os 1.333 bonos do programa ‘Eu merco na Laracha’

Na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal poderanse consultar desde a listaxe de beneficiarios e tamén os negocios adheridos.

Excelente acollida cidadá no programa Eu merco na Laracha, impulsado polo Concello co múltiplo obxectivo de dinamizar e reactivar o comercio local, aliviar o gastos das familias e fomentar o consumo de proximidade. Farase mediante a distribución entre a cidadanía larachesa de 1.333 chequeiras de bonos por un valor de 30 euros cada unha para utilizar como descontos nas súas compras nos establecementos e servizos adheridos.

Unha vez rematado o prazo establecido rexistráronse un total de 1.798 solicitudes de bonos, polo que para adxudicalos será preciso facer un sorteo que se levará a cabo este martes día 27 de maio ás 13:00 horas. Farase cun sistema electrónico de elección automática e aleatoria. O número que se obteña será o primeiro bono e os números seguintes correlativos ata chegar aos 1.333. O resultado e os nomes dos beneficiarios do programa serán publicados na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal. As chequeiras deberán recollerse entre o 2 e o 20 de xuño no Edificio Administrativo da Laracha.

Nesa mesma web tamén poderán consultarse os 42 comercios e servizos adheridos, nos que poderán empregarse os bonos entre o 2 e 30 de xuño.

O Concello destina ao programa Eu merco na Laracha 40.000 euros por terceiro ano consecutivo para fortalecer o comercio local.

Comparte éste artículo
No hay comentarios