Pola súa parte, La Goleta espera pechar o ascenso a Segunda este domingo.
A competición sub-22 da FGB, a última en arrancar na temporada, contará tamén nesta edición 24/25 con equipos do Club Santo Domingo Betanzos. O conxunto masculino, encadrado no grupo B xunto a CB Costa da Morte, Obradoiro CAB , Estudiantes Pontevedra e Seis do Nadal, estrearase este sábado fronte a CB Costa da Morte e Obradoiro CAB e está dirixido por José Amanda, “Soviético”. O feminino, dirixido por José Espiñeira, está integrado no único grupo da competición xunto ao Arxil, o Culleredo e o FEDESA (Rosalía de Castro). A peculiaridade da Liga, en formato competición, e na que adoitan probarse novas promesas do baloncesto galego, está na posibilidade de completar as plantillas ata cun 40% de xogadores con ficha
noutros equipos.
Por outro lado, La Goleta busca certificar o ascenso a Segunda División fronte ao San Cibrao, o domingo
ás 12h no Carregal (Pavillón José María Valeiro Iglesias Tocayo), certificando así o logro que quedou frustrado a semana pasada por resultados de terceiros equipos.
Seguen as Copas para a canteira
No que toca á canteira, e descontando os compromisos de liga dos equipos minibasket (coas alevíns de Coruña Interiores xa clasificadas para a Fase Final Galega de Segunda División a celebrar na Estrada), os equipos do Santo Domingo buscan sacar adiante os seus compromisos nas distintas copas FGB. Así, na Copa Premium (antiga Copa Primavera), o Grelo cadete xoga os oitavos de final, a un único partido, fronte a Basket Xiria, os júnior contra Básquet Coruña U17-18 e os infantís de La Piccola fronte a Cambre. Pola súa parte, as cadetes de Decornaveira xogan o seu partido de cuartos en Ferrol contra Baxi.
Na Copa Xunta de Galicia, os infantís de J.Caamaño Arquitecto, de Primeira División, afrontan o partido de volta de cuartos contra Boa Vila Basket, de Pontevedra, no que buscarán defender o 61-85 do encontro da ida (sábado 12h no Carregal).